Lugo homenaxea Ramos Misioné e os seus compañeiros do K4 olímpico de Montreal 1976

O Concello de Lugo rendeulle este sábado unha homenaxe a Luis Gregorio Ramos Misioné e aos seus compañeiros do K4 olímpico, Herminio Menéndez, José Ramón López Díaz-Flor e Esteban Celorrio, cando se cumpren 50 anos da medalla de prata que conquistaron nos Xogos Olímpicos de Montreal de 1976.
Ramos Misioné converteuse daquela no primeiro deportista lucense en conseguir unha medalla olímpica, mentres que o resultado do K4 supuxo tamén a primeira medalla olímpica para o piragüismo español.
O acto, celebrado no Club Fluvial, comezou co traslado ata o escenario dunha réplica de 11 metros da embarcación coa que os catro deportistas competiron en Montreal hai medio século. Posteriormente, soou ‘One Moment in Time’, canción oficial dos Xogos Olímpicos de Seúl 1988, e os homenaxeados participaron nun coloquio no que lembraron as súas experiencias como deportistas olímpicos.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, destacou durante a súa intervención o esforzo compartido que fixo posible aquel resultado e a relación creada entre os integrantes do equipo. “Unha medalla olímpica conséguese con moito traballo, con moito esforzo e tamén aprendendo a competir e a medrar xunto a persoas que veñen de distintos lugares da xeografía española. Co paso do tempo, eses compañeiros acaban sendo tamén irmáns”, sinalou.
Candia reivindicou tamén a importancia de manter viva a memoria daqueles logros. “Hoxe estamos aquí para recordar o que aconteceu hai 50 anos e para poñer en valor un acontecemento que forma parte da historia de Lugo. Teño moi claro que, para que unha cidade avance, non pode esquecer os seus referentes. E Luis Gregorio Ramos Misioné e os seus compañeiros son un referente para esta cidade”.
A alcaldesa lembrou que o Concello xa recoñecera a figura de Ramos Misioné en 1979, cando lle dedicou unha rúa da cidade. “Un lucense conseguiu hai 50 anos unha medalla olímpica. Iso é un orgullo”, afirmou, antes de destacar o significado da homenaxe celebrada este sábado.
Candia relacionou aquela traxectoria cos valores asociados á práctica deportiva. “Porque o deporte fálanos de traballo, disciplina, esforzo e resiliencia, de superar dificultades, de perseguir un soño. E cando se consegue, temos a obriga de recordalo”.
A alcaldesa dirixiuse tamén especialmente á mocidade presente no acto para subliñar que os referentes deportivos forman parte da memoria colectiva da cidade. “Neste escenario, a grandeza non está só nos logros deportivos, senón nas persoas que viven nesta cidade, nas persoas que traballan, que se esforzan e que deixan unha pegada”, afirmou.
Neste sentido, Candia destacou tamén a relación dos homenaxeados coa sociedade e co deporte máis alá dos seus resultados deportivos. “Por iso, desde o Concello queremos ratificar o noso compromiso de seguir lembrando e poñendo en valor os nosos referentes, todo o que achegaron e todo o que seguen achegando á nosa cidade”.
A alcaldesa pechou a súa intervención reivindicando o legado daquela medalla para as novas xeracións. “Hoxe lembramos unha medalla de hai 50 anos, pero sobre todo lembramos os valores que hai detrás dela e a importancia de que as novas xeracións teñan referentes aos que mirar”.
A homenaxe rematou cunha fotografía de familia na que participaron os piragüistas olímpicos convidados ao acto e o alumnado da Escola de Piragüismo do Club Fluvial.