Lugo homenaxeará ás persoas falecidas o 2 de novembro cunha misa e unha ofrenda floral en San Froilán

LugoXa
O cemiterio municipal contará tamén con actuacións da Banda de Música, a Árbore da Luz e un horario ampliado, mentres que os días 31 de outubro e 1 de novembro haberá autobuses gratuítos
cemiterio-municipal-lugo
30 Oct 2026

O Cemiterio Municipal de San Froilán acollerá o vindeiro luns, 2 de novembro, os actos institucionais de homenaxe ás persoas falecidas con motivo do Día de Defuntos. A programación incluirá unha misa, a tradicional ofrenda floral e varias interpretacións musicais da Banda Municipal de Lugo.

A xornada comezará ás 12:30 horas cunha misa presidida polo bispo. Unha hora despois, ás 13:30 horas, celebrarase a ofrenda floral en lembranza de todas as persoas falecidas. Durante este acto participará unha formación de cámara de vento-metal da Banda Municipal de Música, que interpretará diferentes pezas para acompañar a homenaxe.

A programación especial estenderase tamén ao domingo 1 de novembro, Día de Todos os Santos, con actuacións de distintas formacións de cámara da Banda Municipal. Entre as 12:00 e as 14:00 horas tocarán un grupo de clarinetes e fagot, mentres que pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas, será a quenda dunha formación de saxofóns e clarinete. O repertorio estará integrado por composicións de carácter solemne.

Ademais, durante estas xornadas estará instalada a Árbore da Luz, unha iniciativa que permitirá ás persoas visitantes deixar mensaxes de cariño e lembranza para os seus seres queridos e colgalas nas súas ramas.

Horario ampliado e autobuses gratuítos

Para facilitar as visitas, o cemiterio permanece aberto de maneira ininterrompida entre as 9:00 e as 19:00 horas desde o pasado 25 de outubro e ata o luns 2 de novembro. O recinto tamén permite a entrada de mascotas, sempre que se respecten as normas de convivencia, seguridade e limpeza.

Por outra banda, os días 31 de outubro e 1 de novembro habilitaranse dous autobuses gratuítos entre a Ronda da Muralla, fronte ao edificio de Obras Públicas, e o cemiterio. O servizo funcionará de 9:00 a 19:00 horas, cunha frecuencia de paso de 30 minutos.

Na viaxe de ida, os vehículos circularán pola Ronda da Muralla, rúa Santiago e Estrada Vella de Santiago ata chegar ao cemiterio. No traxecto de volta, o percorrido continuará pola Estrada Vella de Santiago, rúa Santiago, Vilalba, Ramón Ferreiro, Salvador de Madariaga, praza de Bretaña, Dinán e San Roque, para rematar de novo na Ronda da Muralla, fronte a Obras Públicas.

0.1632981300354