Lugo homenaxeará ás vítimas da violencia machista o 25N cun acto institucional en Santo Domingo

LugoXa
A conmemoración comezará ás 11:00 horas coa lectura do manifesto por parte dunha usuaria da Casa da Muller, unha ofrenda floral na Árbore da Vida e varias actuacións musicais a cargo de Noelia Sabina e David Taboada
concello-de-lugo-25N
19 Nov 2026

O Concello de Lugo celebrará o vindeiro mércores 25 de novembro, ás 11:00 horas, na praza de Santo Domingo, o acto institucional con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A convocatoria servirá para lembrar as vítimas da violencia machista, visibilizar as distintas formas de violencia que sofren as mulleres e reivindicar a implicación de toda a sociedade na súa prevención e erradicación.

O acto contará coa participación da Corporación municipal e terá como un dos seus momentos centrais a lectura do manifesto institucional, que correrá a cargo dunha muller usuaria da Casa da Muller. A través da súa intervención, dará voz ás mulleres que sofren ou sufriron esta violencia.

A continuación, celebrarase a tradicional ofrenda floral ante o ginkgo biloba, coñecido como a Árbore da Vida e situado na propia praza de Santo Domingo. Este espazo acolle cada ano a homenaxe ás vítimas da violencia machista e constitúe un lugar de lembranza e memoria.

A música tamén estará presente durante a conmemoración, con Noelia Geada, acompañada ao piano por David Taboada. O repertorio incluirá as cancións "María se bebe las calles", de Pasión Vega; "Ni una más", de Aitana; "No vales más que yo", de La Oreja de Van Gogh, e "La puerta violeta", de Rozalén, coa que se pechará o acto.

O Concello convida a veciñanza a participar nesta homenaxe e expresar o seu rexeitamento á violencia contra as mulleres. Ademais, lembra que o teléfono 016 ofrece atención ás vítimas de violencia de xénero as 24 horas do día, todos os días do ano. O servizo é gratuíto e non deixa rastro na factura telefónica.

0.20541286468506