Lugo impulsa melloras en mobilidade e infraestruturas co respaldo do Goberno central

LugoXa
O alcalde, Miguel Fernández, avanza en actuacións clave para o futuro urbano e de comunicacións da cidade
-Estado-de-Transportes-concello-de-Lugo
23 May 2025

O Concello de Lugo continúa fortalecendo a súa posición como axente activo no desenvolvemento urbano e de infraestruturas, tras unha reunión de traballo mantida polo alcalde, Miguel Fernández, co secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible, José Antonio Santano Clavero, na Delegación do Goberno en Galicia.

No encontro, no que tamén participou o delegado do Goberno, Pedro Blanco, abordáronse proxectos estratéxicos que reflicten o compromiso compartido entre o Concello e o Executivo estatal para mellorar a calidade de vida da cidadanía.

A xuntanza, programada con antelación, permitiu avanzar en actuacións concretas que o Concello leva impulsando nos últimos anos. “Estamos a traballar para dar resposta ás necesidades reais da nosa cidade, avanzando en actuacións que melloran a mobilidade, a calidade urbana e a conexión de Lugo co resto do territorio”, salientou o rexedor, poñendo en valor o labor do goberno local como motor destas iniciativas.

Entre os temas tratados, destacou a proposta do Concello para mellorar a mobilidade peonil sobre a Rolda Norte, unha demanda cidadá que busca humanizar esta contorna. Tamén se avanzou na intervención na glorieta de Nadela, onde o Ministerio comprometeuse á renovación da iluminación mentres que o Concello asumirá o custo do subministro eléctrico, nun exemplo de colaboración institucional.

Outro dos puntos clave foi a cesión da travesía de Calde da N-540, unha transferencia pendente desde 2021 e cuxa resolución permitiría mellorar a xestión urbana deste tramo. Tamén se revisou o calendario previsto para a posta a punto do Puente Blanco, incluíndo traballos de limpeza, reparacións e mellora estética como paso previo á súa entrega ao municipio.

O alcalde trasladou ademais ao Ministerio a necesidade de seguir avanzando no futuro do ferrocarril en Lugo, unha cuestión estratéxica que continúa na axenda do goberno local.

Miguel Fernández agradeceu a receptividade do Goberno de España e puxo en valor os logros obtidos grazas á colaboración institucional: “O maior investimento estatal da historia da cidade é froito do traballo conxunto e da vontade de colaborar para avanzar. Desde o Concello seguiremos traballando da man do Goberno central para facer realidade os proxectos que Lugo leva tempo esperando”.

Pola súa parte, o secretario de Estado expresou o seu interese polo desenvolvemento da cidade e confirmou a súa intención de visitar proximamente Lugo para reforzar a coordinación e o seguimento dos proxectos. Unha mostra máis de que o Concello de Lugo está a liderar, con rigor e iniciativa, a transformación da cidade nun espazo máis conectado, accesible e preparado para os retos do futuro.

⚙ Configurar cookies
0.18109893798828