Lugo impulsa novas accións do programa +XTi con apoio emocional e formación oficial en tempo libre

LugoXa
O Concello reforza o acompañamento á mocidade e ás familias e ofrece un curso homologado de dirección de actividades de lecer con 300 horas de duración
Casa-da-Xuventude-Lugo
18 Feb 2026

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude, activará nos próximos meses novas iniciativas dentro do programa +XTi, unha proposta que conta coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas e que combina accións de apoio emocional e familiar cunha oferta formativa oficial centrada no ámbito do lecer e do tempo libre.

O edil de Xuventude, Jorge Bustos, explicou que o +XTi continúa evolucionando para responder ás demandas actuais da mocidade e das familias, facilitando recursos prácticos que contribúan ao seu crecemento persoal, social e formativo. Segundo indicou, as propostas xorden do contacto directo coa realidade local e do traballo coordinado co Plan Nacional sobre Drogas.

Entre as novidades destaca o Programa Círculos de Desenvolvemento, unha actividade gratuíta dirixida tanto á mocidade como ás súas familias, que se desenvolverá entre febreiro e abril no Centro Cultural Uxío Novoneyra. As sesións celebraranse semanalmente, cunha duración de dúas horas, en horario de 17:00 a 19:00 horas.

A iniciativa aposta por dinámicas participativas, xogos e espazos de diálogo para fomentar a intelixencia emocional, mellorar as habilidades comunicativas e a escoita activa, promover hábitos saudables e traballar a xestión das emocións. Ademais, ofreceranse orientación, recursos e apoio tanto á mocidade como ás familias. As sesións serán conducidas por un equipo profesional integrado por psicóloga/o e educador/a social especializados en intervención familiar e xuvenil.

O programa divídese en dous bloques. O destinado á mocidade de entre 10 e 17 anos terá lugar os xoves 26 de febreiro; 5, 12 e 26 de marzo; e 9, 16, 23 e 30 de abril. Pola súa parte, o bloque orientado ás familias desenvolverase os mércores 25 de febreiro; 4, 11, 18 e 25 de marzo; e 1, 8 e 15 de abril. Ambas liñas comparten o propósito de fortalecer as competencias persoais, a comunicación e a prevención de condutas de risco desde unha óptica educativa e comunitaria, en coordinación co Plan Nacional sobre Drogas.

De maneira paralela, o +XTi inclúe tamén un Curso Oficial de Director/a de Actividades de Ocio e Tempo Libre, homologado pola Xunta de Galicia, cunha oferta de 20 prazas e unha carga lectiva de 300 horas teórico-prácticas. O obxectivo é reforzar a cualificación profesional da mocidade lucense no eido do lecer educativo.

A fase teórica, de 150 horas, impartirase do 10 de abril ao 20 de xuño na Casa da Xuventude, con clases os venres de 16:30 a 21:30 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:30 horas. A parte práctica, tamén de 150 horas, será coordinada pola entidade formadora e deberá completarse antes de finalizar setembro de 2026.

Esta formación está dirixida preferentemente á xuventude de entre 18 e 35 anos empadroada, residente ou estudante en Lugo, que conte co título oficial de monitor/a de tempo libre e experiencia acreditada no sector. Desde a área de Xuventude subliñan que se trata dunha oportunidade relevante para mellorar a empregabilidade e avanzar na profesionalización do ámbito do lecer e da educación non formal.

As persoas interesadas poden consultar os detalles e formalizar a inscrición a través da páxina web lugomasxti.org. O concelleiro Jorge Bustos sinalou que o programa aposta por unha mocidade acompañada e formada, con ferramentas para afrontar o presente e o futuro desde o benestar, a prevención e a participación activa.

⚙ Configurar cookies
0.081967115402222