Lugo impulsa un ciclo de xornadas sobre saúde feminina

A Área de Muller, Igualdade e Inclusión do Concello de Lugo, dirixida pola concelleira Ángeles Novo, pon en marcha un ciclo de Xornadas sobre Saúde Feminina, unha iniciativa que busca mellorar a saúde e o benestar das mulleres da cidade a través de encontros formativos e informativos.
O programa desenvolverase entre os meses de marzo e xuño, abordando diversos temas relacionados coa saúde física e emocional das mulleres, coa participación de profesionais especializados en cada ámbito.
A iniciativa enmárcase dentro da programación organizada polo Executivo Municipal con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
O ciclo de Xornadas sobre Saúde Feminina comezará o 21 de marzo cunha charla sobre a prevención de enfermidades cardiovasculares na muller, impartida polo doutor Juanatey no Vello Cárcere. Continuará os días 27 de marzo e 1 de abril co obradoiro “O coidado das coidadoras” no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, a cargo da psicóloga Marta (Clínica Cuídate). O 10 de abril, a fisioterapeuta Carolina del Río ofrecerá a charla-obradoiro “Peri/Menopausa: conexión co teu corpo” na Casa da Xuventude. O 22 de abril, ADACE impartirá a sesión “A muller no dano cerebral adquirido” no mesmo centro de convivencia.
O 8 de maio, as doutoras Laura Varela e Andrea Raña falarán sobre “A menopausa: que debemos coñecer” no Vello Cárcere. O 22 de maio, a Fundación do Colexio de Odontoloxía de Lugo ofrecerá unha charla sobre “A saúde bucodental na muller” en Lamas de Prado. Finalmente, o ciclo pecharase o 9 de xuño coa charla “Lipedema: a importancia do exercicio na muller”, organizada pola Asociación Galega de Linfedema, tamén no Vello Cárcere.
“As enfermidades do corazón son a principal causa de morte entre as mulleres en todo o mundo, especialmente a partir dos 50 anos, e moitas veces os seus síntomas pasan desapercibidos ou confúndense con outras doenzas. Por iso é fundamental que nos informemos e tomemos medidas preventivas para coidar a nosa saúde e a das nosas familias”, explicou a concelleira Ángeles Novo.
A entrada para esta primeira charla será libre ata completar aforo, mentres que para o resto das actividades será preciso inscribirse previamente a través do correo electrónico igualdade@lugo.gal.