Lugo impulsa unha campaña para promover a tenza responsable de cans e manter limpos os espazos públicos

O Concello de Lugo vén de presentar "Lugo Limpa", unha nova campaña de sensibilización coa que pretende fomentar hábitos responsables entre as persoas propietarias de cans e contribuír ao coidado dos espazos públicos. A iniciativa, promovida pola Concellería de Benestar Animal, busca reforzar a convivencia cidadá a través de pequenos xestos cotiáns que axudan a conservar a cidade en mellores condicións.
Baixo o lema "O teu xesto fai cidade", a campaña lembra a importancia de recoller os excrementos dos animais e de empregar unha botella con auga para diluír os ouriños durante os paseos, unha práctica que contribúe a reducir o deterioro de beirarrúas, fachadas, portais e mobiliario urbano.
A concelleira de Benestar Animal, Mar Carballas, destacou que Lugo conta con máis de 22.000 cans, unha cifra que evidencia a presenza crecente dos animais de compañía na vida diaria da cidade. Neste contexto, subliñou que compatibilizar o benestar animal co respecto polos espazos comúns require a implicación das persoas propietarias.
A responsable municipal incidiu en que a campaña tamén pretende recoñecer o comportamento da maioría da cidadanía, que cumpre coas normas e contribúe cada día a unha convivencia respectuosa. Segundo explicou, o obxectivo é evitar que as actuacións incívicas dunha minoría acaben proxectando unha imaxe negativa sobre o conxunto das persoas propietarias de mascotas.
Como complemento ás accións informativas, o Concello distribuirá de maneira gratuíta kits hixienizantes destinados a facilitar a correcta limpeza durante os paseos cos animais. O primeiro reparto terá lugar o martes 11 de agosto, entre as 10.00 e as 13.00 horas, na Casa do Concello, e continuará noutras xornadas que se anunciarán proximamente para facilitar o acceso ao maior número posible de persoas.
Desde o Goberno local lembran que a recollida dos excrementos é unha obriga recollida na normativa municipal. A campaña nace cun marcado carácter educativo e divulgativo, aínda que o Concello advirte de que os incumprimentos reiterados poderán derivar na imposición das correspondentes sancións.
Con esta iniciativa, o Concello de Lugo pretende consolidar un modelo de cidade no que o respecto polos animais vaia da man do coidado do espazo público, promovendo unha convivencia baseada na corresponsabilidade, o civismo e o compromiso colectivo.