Lugo incorpora cinco brigadistas para combater os incendios este verán

LugoXa
As persoas que compoñen a brigada realizarán labores de prevención ao longo dos próximos tres meses
brigada_forestal_lumes
brigada_forestal_lumes
4 Xul 2024

Lugo incorporará cinco brigadistas para combater os incendios forestais durante este verán. A unidade temporal estará composta por un xefe de brigada, un peón condutor e tres peóns forestais. A concelleira de Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira, destaca a importancia destos labores de prevención, e sinala que "debemos evitar unha das grandes lacras de cada verán, os incendios forestais. Este esforzo conxunto é esencial para garantir a seguridade e o benestar da nosa veciñanza."

As persoas que compoñen a brigada realizarán labores de prevención ao longo dos próximos tres meses, co obxectivo de reducir o risco de incendios nas 54 parroquias que compoñen a área rural. González Abelleira resaltou que "coa incorporación desta brigada dotámonos de efectivos propios para poder atender os nosos montes coa debida axilidade en caso de declararse algún fogo, pero tamén de maneira responsable traballando para que estes non cheguen a producirse mantendo a raia o crecemento da vexetación e diminuíndo os niveis de perigo."

Deste modo prestarase especial atención ás contornas dos núcleos rurais, nas que a brigada de loita contra o lume levará a cabo labores de limpeza co obxectivo de preservar a súa seguridade, para completar o labor da administración autonómica, que ten a competencia exclusiva en materia de montes. Eses traballos servirán tamén para garantir a conservación de especies que teñen un especial valor ambiental e para limitar o crecemento da maleza, factor de risco na propagación dos lumes nas épocas secas.

Ademais, a concelleira apelou á responsabilidade da cidadanía, subliñando que "o éxito na prevención dos incendios estará na combinación entre os traballos da brigada e a colaboración activa da veciñanza. É fundamental que todos actuemos con precaución e respectemos as normas de seguridade para protexer o noso patrimonio natural”. Esta iniciativa forma parte do compromiso do Concello de Lugo coa preservación do medio ambiente e a seguridade dos seus cidadáns, asegurando que cada verán se dispoña de recursos suficientes para facer fronte aos posibles incendios forestais.

0.19238901138306