Lugo lanza TurisTalent 5.0, a primeira aceleradora galega centrada en turismo e enogastronomía

LugoXa
Durante a sesión de traballo, definíronse os prazos das distintas fases que compoñen esta aceleradora, a única en Galicia centrada de maneira específica no ámbito turístico
aceleradora-TurisTalent-5.0-Lugo-Edificio-Impulso-Verde
6 May 2025

Lánzase a nova aceleradora TurisTalent 5.0, unha iniciativa pioneira no ámbito municipal destinada a impulsar proxectos emprendedores e innovadores no sector turístico e enogastronómico lucense.

Durante un encontro que tivo lugar no edificio Impulso Verde, onde se desenvolverá o programa durante nove meses, participaron técnicos municipais da Área de Dinamización Económica, promotora do proxecto, así como representantes da empresa adxudicataria, Dos Espacios Internet Consulting S.L., responsable de deseñar e executar o programa.

Segundo explicou o rexedor lugués, Miguel Fernández, “esta aceleradora encaixa á perfección na nosa visión de Lugo como unha cidade que aposta polo talento, pola innovación e por un turismo sostible e de calidade. Con TurisTalent 5.0 queremos xerar oportunidades reais de emprendemento, apoiando proxectos que aproveiten os nosos recursos propios, como a gastronomía, o patrimonio ou o medio natural”.

Miguel Fernández tamén puxo en valor o edificio Impulso Verde, que acollerá o programa: “Queremos que este espazo se encha de contido útil e transformador, que sexa un lugar onde nazan ideas con futuro e dende o que se diversifique o tecido económico da cidade”.

Durante a sesión de traballo, definíronse os prazos das distintas fases que compoñen esta aceleradora, a única en Galicia, actualmente, centrada de maneira específica no ámbito turístico. Así, a convocatoria pública e captación de proxectos prevese abrir no mes de xuño; en xullo celebrarase a fase de academia, unha fase de formación intensiva para un máximo de 15 proxectos seleccionados; mentres que a fase de aceleración, prevista entre setembro e finais de ano, contará con ata 10 proxectos finalistas, que recibirán acompañamento experto para o seu lanzamento e consolidación.

Un Comité Técnico, composto por profesionais de recoñecido prestixio e ampla experiencia no sector turístico tanto a nivel autonómico como estatal, será o encargado de avaliar as propostas e escoller os proxectos que accedan a cada unha das fases.

⚙ Configurar cookies
0.18004512786865