Lugo lembra as vítimas da violencia machista no acto central do 25N

LugoXa
A alcaldesa, Elena Candia, presidiu a convocatoria institucional, na que se reclamou reforzar a prevención e a protección das vítimas e se gardou memoria das 47 mulleres asasinadas en España no que vai de ano
Lectura-Manifesto-25n-Lugo-26
25 Nov 2026

O Concello de Lugo celebrou este mércores, 25 de novembro, o acto central do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha convocatoria institucional de lembranza das vítimas e de rexeitamento a todas as formas de violencia machista.

A alcaldesa, Elena Candia, deu a benvida ás persoas asistentes e incidiu na importancia de manter viva a memoria das vítimas e traballar desde as institucións e a sociedade para que todas as mulleres poidan vivir libres de violencia.

Candia expresou o seu "profundo desexo de que chegue o momento en que non sexa necesario conmemorar o 25N" e comprometeuse a poñer todos os recursos municipais ao alcance para que ningunha muller teña que recorrer ao amparo institucional por este motivo. A rexedora tamén destacou a importancia da coordinación entre administracións e agradeceu o labor das persoas e entidades implicadas nesta loita.

Durante o acto lembrouse que, no que vai de ano, 47 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas. Tamén se puxo o foco na violencia exercida contra os menores: tres nenos e nenas foron asasinados no contexto da violencia de xénero e 38 quedaron orfos en 2026. A declaración institucional do Concello recolleu que "cada caso representa unha vida truncada, unha contorna familiar afectada" e subliñou a necesidade de manter e reforzar a prevención, a protección e a atención integral ás vítimas.

A lectura do manifesto correu a cargo de Sarais Antonieta Aponte, usuaria da Casa da Muller, que lembrou as mulleres vítimas da violencia machista e aquelas que viven baixo a ameaza, o control ou o maltrato, así como as súas fillas e fillos e as familias afectadas. O texto incidiu na necesidade de actuar sobre as causas da violencia, prestar especial atención á mocidade e ás novas formas de violencia dixital e promover relacións baseadas no respecto, o consentimento, a liberdade e o bo trato. Tamén apelou á responsabilidade compartida das administracións e da sociedade.

A música tivo como protagonistas a Noelia Geada, acompañada ao piano por David Taboada. Pola súa banda, a concelleira de Muller e Igualdade, Aurora Goás, expresou o desexo de que non houbese motivos para conmemorar esta data e lembrou que ningunha forma de violencia contra as mulleres debería ter cabida na sociedade.

O acto concluíu cunha ofrenda floral no monólito dedicado ás mulleres que perderon a vida por mor da violencia machista, situado na contorna do Ginkgo biloba, coñecido como a árbore da vida. Na convocatoria participaron membros dos distintos grupos da Corporación municipal, representantes da sociedade civil e de diferentes entidades da cidade.

0.16418313980103