Lugo lembra as vítimas dos accidentes de tráfico cun chamamento á responsabilidade nas estradas

Olimpia López, subdelegada do Goberno en Lugo, participou hoxe no acto con motivo do Día Mundial en Recordo das Vítimas de Accidentes de Tráfico, unha xornada dedicada a lembrar as persoas falecidas e feridas nas estradas e a acompañar as súas familias. Tamén asistiron Alberto Rodríguez, xefe provincial de Tráfico; Raquel Alborés, comandante da Garda Civil; Miguel Fernández, deputado provincial de Formación, Ensino e Economía; e Pablo Rivera, deputado provincial de Promoción Económica e Social.
Durante a súa intervención, López lembrou ás persoas que perderon a vida en accidentes de tráfico e para as familias que conviven coa súa ausencia. «Ningunha palabra pode reparar a súa perda, pero queremos que saiban que non esquecemos aos seus seres queridos», sinalou. A subdelegada lembrou tamén as persoas que sobreviviron a un sinistro e continúan afrontando as súas consecuencias.
López agradeceu o traballo dos axentes de tráfico, dos equipos de emerxencias e do persoal sanitario que interveñen nos accidentes e prestan asistencia ás vítimas.
A subdelegada fixo un chamamento á responsabilidade na condución e advertiu de que unha distracción, unha imprudencia ou circular a velocidade inadecuada poden ter consecuencias irreversibles. Neste sentido, reafirmou o compromiso da Subdelegación do Goberno coa prevención e coa mellora da seguridade viaria.
«Detrás de cada cifra está o que importa: unha persoa, unha familia e unha historia que merecen ser lembradas», destacou López, que concluíu a súa intervención solicitando un minuto de silencio en memoria de todas as vítimas.