Lugo lembrará o luns ás vítimas do franquismo no Día da Galiza Mártir

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo celebrará o vindeiro luns, 17 de agosto, un acto de memoria e homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo con motivo do Día da Galiza Mártir.
A convocatoria terá lugar ás 11.00 horas xunto ao Vello Cárcere, no espazo onde se atopa o busto de Moncho Reboiras, considerado a última persoa asasinada polo franquismo en Galiza. Nese punto realizarase unha ofrenda floral en lembranza e recoñecemento de todas as persoas vítimas da represión franquista.
O Día da Galiza Mártir foi instaurado en 1942 por iniciativa da Irmandade Galega de Bos Aires, que escolleu o 17 de agosto, data na que Alexandre Bóveda foi fusilado polas tropas fascistas na Caeira, en Poio, o 17 de agosto de 1936.
A xornada estableceuse para honrar a memoria de Bóveda e da xeración que loitou pola defensa da liberdade, a democracia e os dereitos colectivos fronte ao fascismo.
Desde entón, o Día da Galiza Mártir mantívose como unha data de homenaxe a Alexandre Bóveda e ao conxunto das persoas que sufriron a represión do franquismo.