Xaquedrum organiza unha nova edición de 'Xadrez na rúa' cun programa gratuíto en xuño

LugoXa
A iniciativa "Xadrez na rúa" culminará coa celebración dun torneo aberto a diferentes categorías o próximo 14 de xuño
Xadrez-na-rúa-Lugo-26
1 Jun 2026

A Concellería de Cultura do Concello de Lugo anunciou unha nova edición de "Xadrez na rúa", un programa que converterá a Praza Maior nun espazo de encontro para afeccionados e persoas interesadas en iniciarse nesta disciplina. A proposta desenvolverase ao longo de todo o mes de xuño e completarase coa celebración do Torneo "Festa Final do Xadrez", previsto para o día 14.

Desde o Goberno local explican que esta iniciativa busca ofrecer alternativas de lecer educativo e deportivo en espazos públicos da cidade, ao tempo que facilita a conciliación familiar durante as últimas semanas do curso escolar. O proxecto pretende tamén fomentar a práctica do xadrez, favorecer a convivencia interxeracional e promover hábitos de vida saudables a través dunha actividade que estimula a concentración, a estratexia e o pensamento crítico.

A actividade principal desenvolverase entre o 1 e o 30 de xuño na contorna do palco da música da Praza Maior. O espazo permanecerá aberto de luns a venres entre as 18:00 e as 20:00 horas. Para iso instalarase un taboleiro de xadrez xigante acompañado de varios xogos convencionais, que estarán a disposición da cidadanía de forma totalmente gratuíta.

Ademais, o Concello contará con monitores especializados que se encargarán de dinamizar as partidas, ensinar as regras básicas ás persoas que desexen iniciarse neste deporte e asesorar aos participantes durante as sesións. A participación non require inscrición previa.

Como complemento ao programa, a Praza Maior acollerá o domingo 14 de xuño o Torneo "Festa Final do Xadrez", que se disputará entre as 16:00 e as 19:30 horas. No caso de choiva ou condicións meteorolóxicas adversas, a competición trasladarase aos sotos da Praza de Abastos.

O torneo desenvolverase cun ritmo de xogo de 10 minutos máis 3 segundos de incremento por movemento. A competición contará cunha categoría para xogadores con clasificación internacional ELO FIDE e cun formato Open dividido en Sub 8, Sub 10, Sub 12, Sub 14 e Absoluto. Os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán un trofeo, mentres que o resto dos participantes obterán unha medalla conmemorativa.

A participación será gratuíta e as inscricións permanecerán abertas ata as 20:00 horas do 12 de xuño. As solicitudes poderán formalizarse a través dos monitores dos centros escolares, mediante o correo electrónico escolaluguesaxadrez@gmail.com ou a través do formulario habilitado pola organización.

Entre os requisitos establecidos figura a obrigatoriedade de contar con licenza federativa. As persoas que non a teñan poderán tramitala gratuitamente a través da Escola Luguesa de Xadrez no momento de realizar a inscrición.

Desde a organización lembran que o control presencial dos participantes realizarase entre as 16:00 e as 16:15 horas do día do torneo. Quen non complete este trámite nese intervalo incorporaranse á competición a partir da segunda rolda.

0.13807392120361