Lugo mantén a súa candidatura para acoller a Axencia Estatal de Saúde Pública tras a ampliación do prazo estatal

LugoXa
O Concello destaca a solidez dunha proposta consensuada que propón o Pazo de Feiras e Congresos como sede e afronta a nova fase con confianza
reunión-Concello-de-Lugo-CHMS-Xunta-e-Deputación
18 Feb 2026

O proceso para designar a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública continúa aberto despois de que o Goberno do Estado decidise ampliar os prazos de avaliación ata o vindeiro 18 de agosto, unha decisión que desde o Concello de Lugo se interpreta como a confirmación do alto nivel de competencia existente entre as candidaturas presentadas.

A proposta impulsada polo Concello e pola Xunta de Galicia sitúa como localización idónea o Pazo de Feiras e Congresos, un complexo con 27.000 metros cadrados que conta con dous pavillóns diáfanos, oficinas, salas polivalentes, centro de negocios, un salón de actos con capacidade para máis de 500 persoas e amplas zonas destinadas á formación e ás reunións.

Para o goberno municipal, a necesidade dunha análise máis exhaustiva das propostas presentadas evidencia a calidade e a solidez dos proxectos en liza. Lugo afronta esta nova fase con serenidade e seguridade nas súas posibilidades, apoiándose nunha candidatura construída desde o consenso institucional e coa participación activa das distintas administracións, da universidade, do tecido empresarial e da sociedade civil.

A proposta lucense preséntase como unha candidatura de cidade e de territorio que vai máis alá da simple oferta de espazos operativos. Defende unha visión compartida sobre o papel que Lugo pode desempeñar no ámbito da saúde pública, sustentada nas sinerxías co Campus de Lugo, na cooperación institucional, na calidade de vida, na escala humana da cidade e na súa capacidade para atraer e reter talento.

Desde o executivo local subliñan que Lugo manterá a súa aposta ata o final, plenamente consciente da esixencia do proceso e tamén da oportunidade que representa para reforzar a proxección da cidade no ámbito estatal. Sexa cal sexa o resultado final, consideran que o camiño percorrido xa demostra a capacidade de Lugo para traballar de maneira unida arredor dun obxectivo común e para presentar proxectos ambiciosos desde a responsabilidade e o compromiso colectivo.

⚙ Configurar cookies
0.055107116699219