Lugo Monumental cuestiona a actualización do PMUS e denuncia o illamento do casco histórico

Lugo Monumental rexistrou as súas alegacións á actualización do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) aprobada pola Xunta de Goberno, ao considerar que o documento perpetúa unha dinámica de illamento do casco histórico mentres, de maneira contraditoria, se impulsan grandes vías para dirixir o fluxo de persoas cara aos centros comerciais, algo que cualifican como “inaceptable” para o colectivo.
Desde a asociación tamén poñen en cuestión a natureza xurídica do plan e advirten de que “estamos ante un documento cuxa natureza xurídica é discutible”, xa que, segundo explican, foi tramitado como un simple instrumento de apoio cando “en realidade ten forza normativa que supón a súa executividade”. Neste sentido, sosteñen que debería considerarse unha planificación vinculante, “equiparable a unha ordenanza ou ao Plan Xeral”, e ser aprobado polo Pleno municipal e non pola Xunta de Goberno.
Outro dos aspectos que critican é a base estatística empregada, ao entender que se sustenta en fontes pouco concretas ou nunha enquisa realizada a só 300 persoas, o que representa o 0,3% da poboación. Para Lugo Monumental, este punto de partida resulta “máis que discutible para un proxecto desta envergadura” e conduce a datos pouco cribles, como que “só os homes se desprazan por estudos (8%, e mulleres 0%)”.
En canto á redacción do documento, sinalan que a empresa encargada extrapolou situacións alleas á realidade lucense, tomando como referencia cidades como Barcelona. Isto leva, segundo denuncian, a conclusións difíciles de asumir, como afirmar que en Lugo “sobran prazas de aparcamento en practicamente toda a cidade”.
A entidade considera que o plan se estrutura arredor de dous obxectivos principais: eliminar o uso do vehículo privado e illar aínda máis o centro histórico. Sobre o primeiro, indican que poderían estar de acordo “sempre que se ofrezan alternativas”, como estacionamentos gratuítos ou a prezos asumibles e un transporte público eficiente, algo que, lembran, o propio documento recoñece que non se cumpre ao sinalar que “a oferta de transporte público está lonxe de ser competitiva e é incapaz de captar viaxeiros”.
Ademais, critican que, a pesar deste diagnóstico, o plan propoña medidas como a eliminación de liñas actuais, o que consideran contraditorio, especialmente cando as actuacións no casco histórico se financiaron con fondos vinculados á mobilidade sostible.
O documento tamén recolle, segundo destacan, o escaso uso da bicicleta, cun “0,6 % de desprazamentos”, sen xustificar que o aumento de carrís ciclistas vaia modificar esta realidade. Do mesmo xeito, recoñece os problemas derivados do estado do pavimento nas zonas peonís, ao apuntar á necesidade dun “pavimento de calidade e ben conservado (limpo e sen irregularidades)”.
En relación coa mobilidade a pé, sinalan que o propio estudo admite o retroceso deste tipo de desprazamentos ao indicar que “os desprazamentos a pé constitúen unha das principais formas de moverse por Lugo, aínda que a súa porcentaxe reduciuse do 54% ao 32%”.
En definitiva, Lugo Monumental conclúe que se trata “dun documento pouco axeitado á cidade”, baseado en datos limitados e hipóteses discutibles, que aplica solucións alleas sen ter en conta as características demográficas, sociais, urbanísticas e xeográficas propias de Lugo.