Lugo Monumental estuda instalar unha pantalla na Praza de Santa María para seguir a semifinal do Mundial

A Asociación Lugo Monumental traballa na organización dunha retransmisión pública da semifinal do Mundial de fútbol 2026 que enfrontará á selección con Francia. Se o combinado logra o pase, a entidade prevé manter a iniciativa para que a veciñanza poida seguir tamén a final nunha pantalla xigante instalada na Praza de Santa María.
Segundo explica a asociación, a proposta xa conta cos recursos económicos necesarios grazas á colaboración dos establecementos asociados. Como contrapartida, os negocios participantes verán proxectados os seus logotipos na pantalla durante a retransmisión dos encontros.
Desde Lugo Monumental agradecen a implicación dos locais colaboradores e destacan que boa parte deles permanecen pechados á hora dos partidos, polo que consideran que esta colaboración responde tamén a un compromiso coa cidade e coa convivencia entre a veciñanza, máis alá do beneficio económico.
A entidade lembra que xa tentou impulsar iniciativas semellantes para retransmitir partidos do CD Lugo e do CB Breogán cando disputan encontros fóra da cidade. Con todo, sinala que as plataformas que posúen os dereitos de emisión non permiten este tipo de proxeccións públicas, unha autorización que, segundo indica, tampouco foi posible obter pese ao respaldo do propio CB Breogán.
No referente aos trámites administrativos, Lugo Monumental informa de que aínda non recibiu o decreto que autoriza a instalación da pantalla, aínda que asegura que a súa tramitación está en marcha e que conta coa colaboración do Concello de Lugo para sacar adiante a iniciativa.
A evolución da meteoroloxía será o factor que determine finalmente a celebración da retransmisión. A asociación explica que a previsión de choiva para o día 14 obriga a agardar ata as últimas horas antes de tomar unha decisión definitiva. En calquera caso, confía en que, sempre que non se anuncien fortes treboadas, a pantalla poida instalarse e a cidadanía teña a oportunidade de seguir os encontros desde o centro histórico da cidade.