Lugo Monumental nomea socio de honra ao sarriao Abraham Cupeiro

LugoXa | SarriaXa
O recoñecido multiinstrumentista recibiu a distinción na Praza do Campo e agradeceu un recoñecemento que se suma ao recente Premio Joaquín Díaz 2026 de Organoloxía
Recoñecemento-Abraham-Cupeiro-Asociación-Lugo-Monumental
24 Jul 2026

A Asociación Lugo Monumental nomeou como socio de honra ao músico sarriao Abraham Cupeiro nun acto celebrado na Praza do Campo, xunto á emblemática fonte de San Vicente, no corazón do casco histórico da cidade.

O presidente da entidade, Luis Latorre, xunto a membros da directiva, fixo entrega desta distinción ao recoñecido multiinstrumentista, especialista na recuperación, reconstrución e divulgación de instrumentos musicais ancestrais e sons esquecidos, unha traxectoria que o converteu nun referente internacional neste ámbito.

Abraham Cupeiro agradeceu emocionado este novo recoñecemento, que se suma ao recentemente concedido Premio Joaquín Díaz 2026 na modalidade de Organoloxía, outro galardón que pon en valor o seu labor de investigación e difusión do patrimonio musical.

Abraham Cupeiro agradeceu a homenaxe recibida e puxo en valor o significado especial que teñen para el este tipo de recoñecementos. "Só teño agradecemento por pensar nun veciño que anda polo mundo. Que unha asociación decida recoñecer o teu traballo é algo que agradecemos de corazón", afirmou.

O músico explicou que nunca orientou a súa carreira á procura de premios, senón a facer o seu traballo da mellor maneira posible. "Eu penso en facer as cousas o mellor que podo, non nos premios. Para min isto é un agasallo e unha sorpresa, e estou moi agradecido", sinalou.

Cupeiro concluíu asegurando que, por riba de calquera distinción, o maior recoñecemento é comprobar que o público continúa acompañándoo en cada actuación. "O verdadeiro premio é ver que a xente segue indo aos concertos. Ese é o maior premio que pode recibir un músico", destacou.

0.12164688110352