Lugo Monumental participa na Xornada de dinamización dos mercados locais
O presidente da Asociación Lugo Monumental acudiu á Xornada de dinamización dos mercados locais, organizada polo Grupo de Acción Local do sector pequeiro da Ría de Pontevedra. Esta xornada, que ten lugar en Sanxenxo, trata sobre a normativa de mercados excelentes (entre os que a día de hoxe non está o de Lugo), a promoción dos produtos de pesca e as innovacións en distribución e venda nos mercados e prazas de abastos. Esta xornada reúne aos principais actores do mundo da pesca, a súa distribución, abastecemento e comercialización, sendo un foro de debate dos desafíos, problemas e vantaxes da pequena peixaría tradicional, sobre todo a agrupada en prazas de abastos e mercados.
Incidiuse na virtude da calidade do produto, e a súa importancia desde o punto de vista tanto alimentario como ambiental, debido a que falamos de elementos que se distribúen en proximidade, xa que o de Galicia supón o 50% do desembarco de produto fresco de España. Tamén se analizou a importancia das campañas cruzadas con hostalería e co resto do comercio da zona, posto que as prazas e mercados, como sempre defendeu Lugo Monumental, son un dos piares do comercio de proximidade de calquera cidade.