Lugo Monumental pide levar ao Pleno o debate sobre o futuro da actual estación de autobuses

A asociación Lugo Monumental dirixiuse aos tres grupos municipais que integran a corporación lucense para solicitarlles que leven ao Pleno o debate sobre o futuro da actual estación de autobuses da cidade. O colectivo considera necesario abordar canto antes esta cuestión para definir que ocorrerá coas instalacións unha vez entre en funcionamento a nova estación intermodal.
A entidade lembra que xa no mes de outubro presentou unha proposta concreta na que se contempla manter unha parada de autobús interurbano nesta zona da cidade, unha fórmula que xa existe noutras cidades como A Coruña coa parada de Entrexardíns. Segundo explican, aínda que a nova estación intermodal non se atopa moi afastada do casco histórico, existe unha pendente pronunciada que dificulta a accesibilidade, unha circunstancia que, segundo indican, foi recoñecida polas distintas administracións, que están a buscar alternativas para resolver este problema.
Ademais desta proposta, Lugo Monumental tamén propón diferentes usos para o edificio actual da estación. Entre as opcións que expón figuran espazos destinados a actividades culturais, iniciativas de promoción económica ou servizos de apoio ás empresas do casco histórico mediante a creación dun centro loxístico. A asociación sinala que estes usos serían compatibles entre si debido ás dimensións do inmoble.
Dentro da proposta presentada polo colectivo, parte das actuais dársenas poderían destinarse ás actividades relacionadas con estes servizos, mentres que o resto do espazo se transformaría nunha zona verde. Con esta medida preténdese contribuír a paliar, polo menos en parte, a sensación de falta de espazos axardinados que percibe unha parte da veciñanza.
Desde Lugo Monumental consideran que o momento actual é clave para tomar decisións sobre esta área da cidade. A finalización da estación intermodal está cada vez máis próxima e, segundo sinalan, resulta fundamental coñecer con antelación que destino terá a actual estación de autobuses.
A asociación advirte de que o peor escenario sería trasladar as liñas de transporte ás novas instalacións sen ter definido previamente o futuro das actuais, o que podería provocar o peche e abandono do edificio en pleno centro urbano. Unha situación que, segundo lembran, xa se produciu con outros inmobles da cidade e que adoita acelerar o deterioro das instalacións cando quedan sen uso.
Neste sentido, lembran que a Xunta de Galicia recibiu no seu momento a proposta presentada por Lugo Monumental e a valorou de maneira positiva. Con todo, queda por coñecer a postura do Concello de Lugo, administración que no seu día cedeu os terreos ao Ministerio de Obras Públicas para a construción da estación.