Lugo Monumental pide permiso para retransmitir o Obradoiro-Breogán nunha pantalla xigante

Lugo Monumental presentou ao Concello de Lugo unha solicitude para instalar unha pantalla xigante na Praza de Santa María coa intención de retransmitir o partido entre o Obradoiro e o Breogán, que se disputará o 1 de novembro ás 12:00 horas.
A asociación pretende recuperar así a iniciativa de instalar pantallas para que a veciñanza poida seguir no centro histórico diferentes encontros deportivos. Neste caso, o partido foi escollido como unha proba piloto debido ao interese que esperta o enfrontamento entre os dous equipos galegos e ao feito de que será retransmitido en aberto pola Televisión de Galicia.
A proposta está pensada especialmente para aqueles encontros que o Breogán disputa fóra de Lugo, xa que a asociación considera que a dispoñibilidade de entradas adoita ser limitada nos derbis galegos. Pola contra, Lugo Monumental non contempla instalar a pantalla cando o equipo lucense xogue no Pazo dos Deportes, co obxectivo de non prexudicar a asistencia ao pavillón.
A financiación da iniciativa xa estaría garantida grazas á colaboración de varios establecementos asociados a Lugo Monumental, que se ofreceron para patrocinar a instalación da pantalla, como xa fixeron en ocasións anteriores.
A asociación sinala que moitos destes negocios permanecen pechados á hora do partido, polo que considera que a colaboración permite apoiar unha actividade para a cidade sen estar directamente vinculada á súa actividade comercial nese momento.
O resultado desta primeira convocatoria servirá para valorar unha posible repetición da iniciativa. Entre os encontros que poderían contar cunha nova pantalla figura o Leyma-Breogán, previsto para o mes de maio, sempre en función da participación e da acollida que teña a retransmisión do 1 de novembro.