Lugo Monumental pide que se repoñan as mesas de uso público da Praza de Abastos

LugoXa
Instan ao Concello a repoñer as mesas porque son "moi demandadas" polos praceiros e, a día de hoxe, “non hai motivos” para non instalalas
praza abastos lugo
praza abastos lugo
22 mar 2021

A asociación Lugo Monumental insta ao Concello a repoñer as mesas de uso público da Praza de Abastos. Aseguran que son moi demandadas polos praceiros e que, a día de hoxe, "non hai motivos" para non instalalas.

O Concello, segundo lembra o colectivo de empresarios, tomou fai algúns meses a decisión de retirar as mesas de uso común que había no andar superior da Praza de Abastos, as situadas na zona norte do edificio. Estas mesas, explican, "eran un dos habituais puntos de encontro dos placeiros e un lugar para que os clientes puidesen tomar un respiro durante as súas compras". Ademais tiñan a vantaxe de que, para moitos titulares de concesións da Praza, supoñía un lugar "estratéxico", no que poder facer descansos sen afastarse moito dos seus postos, algo que segundo Lugo Monumental, "botan de menos".

Desde a asociación entenden que a retirada das mesas "tivo a súa lóxica no seu momento" por mor das restricións sanitarias que impedían o seu uso, "pero neste momento non é ese o caso".

"É chamativo que se retirasen esas mesas por razóns hixiénicas pero, sin embargo, non se retirasen o precintasen os bancos de uso público que hai dentro da propia Praza de Abastos. Entendemos que a situación xurídica e sanitaria de ambos elementos é exactamente a mesma, e que non hai servizo de desinfección que proceda a limpar os bancos, que sempre estiveron en uso, cada vez que se senta alguén", engaden.

Lugo Monumental remitiu un escrito ao Concello ofrecéndose a financiar as mesas e aseguran que hai praceiros que amosaron a súa disposición a realizar a limpeza e desinfección das mesmas entre os seus usos.