Lugo Monumental presenta alegacións á ordenanza da ZBE por problemas de redacción e seguridade

A Asociación Lugo Monumental rexistrou un documento no que presenta unha serie de alegacións á ordenanza da Zona de Baixas Emisións (ZBE), aprobada inicialmente en decembro polo Pleno municipal de Lugo e publicada dous meses despois no BOP.
Segundo a asociación, Lugo xa cumpría os estándares legais de contaminación ambiental, polo que “a administración podería haberse limitado a designar o casco histórico como ZBE sen facer ningún tipo de obra nin actuación”, tal como se fixo noutras cidades como Ponferrada.
A entidade critica que se optase por unha suposta peatonalización que implicou obras “mal planificadas e mal executadas que suporán unha hipoteca de décadas para Lugo”, e considera que agora se intenta facer pasar por obrigación legal o que non o é. Aínda así, Lugo Monumental presenta alegacións construtivas, con alternativas de redacción e propostas claras para faltas, sancións e un sistema práctico de aprobación de accesos á zona.
Entre os problemas xerais da ordenanza, a asociación sinala que é “caótica, mal redactada, contradictoria e que inclúe previsións de dudosa legalidade”, como a libre circulación de patinetes en todo o casco histórico, un “auténtico perigo para o viandante”. Ademais, critican a confusión terminolóxica, a remisión farragosa a outros documentos e a delegación encuberta na Alcaldía para modificar a normativa ao seu criterio. Lugo Monumental propón un cambio de enfoque, utilizando a técnica do “fondo de saco” para disuadir a entrada, e unha reestruturación do texto para facelo máis comprensible e aplicable.
No detallado das alegacións, a asociación suxire suprimir artigos superfluos, reubicar o articulado e redefinir faltas, sancións e vehículos autorizados. Destacan tamén a necesidade de articular infraccións leves, graves e moi graves, cun sistema de sancións proporcionado, xa que a normativa inicial só contempla sancións agravadas. Ademais, proponse integrar os anexos no articulado e designar por decreto de Alcaldía os temas máis volátiles, como os percorridos e cargas da ZBE.
Lugo Monumental tamén pide que se considere que bicicletas e patinetes son vehículos normais salvo que se leven en man, e critica límites de estancia ou autorizacións excesivamente restritivas para persoas con mobilidade reducida. A asociación conclúe que se trata dunha “mal redactada ordenanza de peatonalización camuflada de ZBE para darlle unha apariencia de obrigación legal que non existe”.