Lugo monumental propón substituír as lousas rotas por adoquín plano e pide o arranxo de Rúa Nova

A asociación Lugo Monumental propuxo ao Concello que substitúa as lousas rotas do casco histórico por adoquín plano para solucionar un problema derivado do mal deseño dos solos, que poucos meses despois da súa entrada en servizo xa presentan numerosas roturas, unha situación que "só se agravará co tempo", alerta o colectivo.
Segundo explican, se se manteñen as placas actuais o problema persistirá, polo que a proposta é substituír progresivamente as grandes lousas, que rompen con facilidade, por adoquín plano, cuxa durabilidade é moi superior. En lugares como a Praza da Soidade ou Armanyá, o adoquín demostrou a súa resistencia, sendo case imposible que rompa. "Poden producirse pequenos afundimentos do solado, pero son fáciles de reparar e non implican un investimento excesivo", din.
Así, defenden que "aínda que durante a fase de transición a estética poderá resultar extraña ao alternarse dous tipos de solo por zonas, a frecuencia das roturas fará que esta convivencia non sexa prolongada".
O problema orixínase polo uso dun solado que a asociación xa advertira que non era axeitado para unha zona supostamente peonil pero con intenso tránsito de vehículos, tendo en conta os catro aparcamentos de uso público do casco histórico, ademais dos residentes, camións de reparto, servizos e transporte público.
A experiencia negativa das obras da rúa Quiroga Ballesteros, que tamén comezaron a romper en poucos meses, "debería facer reflexionar á administración sobre a ineficacia deste tipo de solados en zonas con tráfico, aínda que sexa ocasional", apuntan.
Tamén suxiren empregar percorridos máis curtos na zona para que as áreas danadas non sexan tan grandes como as que actualmente se aprecian, xa que xa se ven lousas en mal estado en Santo Domingo e Montevideo.
Ademais, Lugo Monumental cre que, se se deseñan percorridos de fondo de saco, nos que os vehículos teñan que saír pola mesma porta da Muralla pola que entraron, non sería necesaria a vixilancia automática, en forma de instalación de cámaras de videovixilancia, que custará máis de un millón de euros.
Finalmente, a asociación critica que na planificación das reformas das rúas danadas non se inclúa Rúa Nova, unha das máis afectadas polo deterioro. "Rúa Nova é unha vía principal do casco histórico e resulta chamativo que na plataforma de contratación se licitase a reparación de San Marcos e Quiroga Ballesteros, pero non desta rúa, tan usada polos cidadáns".