Lugo Monumental valora positivamente o debate no pleno sobre o futuro da estación de autobuses

Lugo Monumental valora positivamente o debate que tivo lugar no pleno municipal entre os tres partidos do Goberno local de Lugo sobre o futuro da estación de autobuses. Hai semanas, a asociación dirixiuse aos tres grupos municipais e ao goberno lucense para pedir que se debatese no Pleno a súa proposta e foi o grupo municipal do Partido Popular quen aceptou levala a pleno, en forma de proposición.
A pesar da aprobación por parte de 13 edís da devandita proposición, desde a Asociación Lugo Monumental consideran que o futuro da actual estación de autobuses da cidade non debe entenderse como unha meta xa acadada, senón como o inicio dun proceso clave para redefinir o seu uso unha vez deixe de prestar a súa función actual. A entidade defende que o espazo se transforme nun punto aberto á cultura, á actividade económica e que, ao mesmo tempo, manteña o seu papel como lugar estratéxico de chegada e saída de viaxeiros.
Neste sentido, desde Lugo Monumental subliñan que comparten con outras propostas, como a formulada polo BNG, a necesidade de conservar a accesibilidade da contorna. Porén, discrepan nun aspecto fundamental: a demolición do edificio. A asociación rexeita esta opción por motivos de accesibilidade, económicos e tamén ambientais, apostando pola súa conservación e reutilización.
A entidade, que leva seguindo a evolución deste asunto desde o ano 2013, advirte de que a marxe de tempo para tomar decisións redúcese e considera prioritario abrir unha negociación entre o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia. Este diálogo debería abordar cuestións clave como a titularidade do inmoble, sobre a que apuntan que existe certo consenso en que corresponde á administración autonómica.
Máis dúbidas xera, segundo explican, a propiedade da parcela, aínda que Lugo Monumental sostén que tamén sería autonómica ao terse superado amplamente o prazo mínimo de cesión fixado no seu día, que establecía unha duración de 30 anos para o uso como estación, período que xa se duplicou.
Ademais, a asociación formula que nesa negociación se definan os posibles usos futuros do edificio, así como o modelo de xestión do espazo. Desde Lugo Monumental insisten na necesidade de abrir canto antes este proceso de diálogo entre administracións e ofrécense a participar no mesmo no papel que se lles queira asignar, destacando a súa implicación continuada na defensa do futuro deste enclave urbano.