Lugo nomeará a Mariano Castiñeira Villaseca Fillo Adoptivo da cidade a título póstumo este venres

LugoXa
A homenaxe celebrarase o 13 de novembro no Auditorio Fuxan os Ventos e contará coa presenza da súa familia e representantes do ámbito deportivo
Mariano-Castiñeira
9 Nov 2026

O Concello de Lugo celebrará este venres, 13 de novembro, o acto institucional de nomeamento, a título póstumo, de Mariano Castiñeira Villaseca como Fillo Adoptivo da cidade. Con esta distinción, aprobada por unanimidade no pleno municipal de xuño, o municipio recoñece a súa traxectoria e a súa vinculación co deporte, o coñecemento e a vida social lucense.

A cerimonia terá lugar no Auditorio Fuxan os Ventos e contará coa asistencia de representantes de clubs e persoas do ámbito deportivo que compartiron con Castiñeira anos de aprendizaxe e experiencias. A alcaldesa, Elena Candia, destacou o afecto e o recoñecemento que espertaba entre a cidadanía, así como a pegada que deixou ao longo da súa vida.

Durante o acto, a familia recibirá os símbolos institucionais da distinción. A súa viúva será a encargada de recoller o diploma acreditativo, mentres que cada un dos seus tres fillos recibirá unha placa conmemorativa.

A música tamén estará presente na homenaxe, na que o cuarteto de clarinetes Díese interpretará varias pezas galegas en diferentes momentos da cerimonia. O Concello convidou a toda a cidadanía a participar neste recoñecemento á figura de Mariano Castiñeira e á súa contribución á cidade.

0.14209198951721