Lugo nomeou a Xoán Montes Capón como Fillo Predilecto da cidade nun acto celebrado no Círculo das Artes

O Concello de Lugo celebrou no Círculo das Artes o acto institucional de nomeamento de Xoán Montes Capón como Fillo Predilecto da cidade, culminando deste xeito o procedemento aprobado por unanimidade pola Corporación municipal o pasado 28 de maio para distinguir a unha das figuras máis destacadas da historia cultural lucense.
A celebración fíxose coincidir coa tradicional homenaxe que cada ano organiza o Orfeón Xoán Montes con motivo da festividade de San Xoán para lembrar a figura do compositor.
O nomeamento deu cumprimento á proposta impulsada polo Orfeón Xoán Montes, presentada no Rexistro Xeral do Concello o 17 de outubro de 2025 e ratificada posteriormente por unanimidade no pleno municipal. A iniciativa recibiu o apoio dun amplo número de entidades culturais, musicais e educativas da cidade, entre elas o Seminario Diocesano de Lugo, o Círculo das Artes, o Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, a Banda Municipal de Lugo, o Orfeón Lucense, a Banda Filarmónica de Lugo, Lucus Ensemble, Son de Lugh, diversas agrupacións corais e o IES Xoán Montes.
Durante o acto, a alcaldesa, Elena Candia, destacou que Lugo recoñecía “a unha figura fundamental para entender a historia cultural e musical de Lugo e Galicia”, subliñando ademais que o legado do compositor continúa vivo e segue inspirando xeración tras xeración.
Pola súa parte, o presidente do Orfeón Xoán Montes, Miguel Varela, cualificou o recoñecemento como “un acto de xustiza histórica”, sinalando que a cidade non só homenaxeaba a un músico excepcional, senón tamén a unha persoa que levou o nome de Lugo e Galicia á máis alta consideración cultural. Ademais, expresou o desexo de que a memoria do compositor continúe servindo de inspiración ás futuras xeracións.
Un dos momentos máis representativos do acto foi a entrega en custodia do título ao Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes. Miguel Varela fixo entrega da distinción ao director do centro, Borja Durán, simbolizando a transmisión do legado do compositor ás novas xeracións.
Ao acto asistiu tamén o deputado socialista Miguel Fernández, quen destacou que este recoñecemento supón “un acto de xustiza coa memoria dun dos grandes referentes da música galega” e incidiu en que o legado de Xoán Montes continúa vivo a través da súa obra, formando parte do patrimonio cultural tanto de Lugo como do conxunto de Galicia.
A alcaldesa agradeceu igualmente o labor desenvolvido polo Orfeón Xoán Montes, impulsor da iniciativa, así como o traballo realizado durante décadas para conservar e divulgar a obra do músico lucense.
O acto contou coa participación da agrupación de música tradicional Son de Lugh, da Banda Filarmónica de Lugo e do Orfeón Xoán Montes, que puxo o broche final á celebración coa interpretación de Negra Sombra.