Lugo oferta 111 obradoiros e actividades nos seus centros municipais para o curso 2026/2027

LugoXa
O programa de Animación Sociocultural desenvolverase do 2 de novembro ao 31 de maio e contará con propostas para diferentes idades, intereses e necesidades
uxio-novoneyra-esmusa-Lugo
15 Sep 2026

Os centros municipais de Lugo acollerán durante o curso 2026/2027 unha ampla programación de actividades destinada ás persoas empadroadas no municipio. O programa de Animación Sociocultural inclúe 111 obradoiros e actividades con prazas e programación definida, repartidos entre nove equipamentos municipais, aos que se engadirán propostas puntuais, aulas abertas e actividades continuadas.

A programación desenvolverase, con carácter xeral, entre o 2 de novembro de 2026 e o 31 de maio de 2027 e chegará aos centros de convivencia de Fingoi, Abella-Lamas de Prado, Leiras Pulpeiro, María Balteira, Maruja Mallo, Milagrosa, Sagrado Corazón e Uxío Novoneyra, así como ao Centro Interxeracional Paco Martín.

A oferta abrangue actividades relacionadas coa saúde e o benestar, como pilates, ioga, ximnasia de mantemento, bioximnasia, aeróbic, ritmos latinos ou técnicas de respiración e relaxación. Tamén se inclúen propostas destinadas á estimulación cognitiva e ao benestar emocional, con obradoiros centrados na memoria, a atención, a coordinación, a concentración ou a autoestima.

Outro dos apartados estará dedicado á formación dixital, con cursos para aprender a utilizar teléfonos móbiles, internet, correo electrónico, tabletas e ordenadores. Entre as propostas figuran "En-Rede", "Conéctate", "Uso de novas tecnoloxías", "Informática básica" e "Póñome ao día", orientado tamén a facilitar a comprensión de recibos, contratos e trámites cotiáns.

A programación incorpora ademais actividades artísticas, culturais e de lecer, como pintura, debuxo, costura, bordado, traballos manuais, xadrez, teatro de barrio, coro, reciclaxe creativa, horta, xardín de balcón ou cociña. Tamén haberá propostas como inglés para viaxar e diferentes actividades vinculadas á creación e á aprendizaxe.

Para a infancia e a mocidade habilitaranse actividades como apoio escolar para Primaria e ESO, técnicas de estudo, pintura, Minecraft ou ioga en familia.

O programa inclúe igualmente accións de integración a través da lingua, con cursos gratuítos de castelán e alfabetización para persoas migrantes, así como unha formación sobre coñecementos básicos para a acreditación do esforzo de integración. Neste caso, o prazo de inscrición será do 18 ao 22 de xaneiro no propio centro.

A estas propostas sumaranse ao longo do curso actividades puntuais ou continuadas como paseos dinámicos, visitas por Lugo, musicoterapia, cosmética natural, bixutería, elaboración de xabóns e candeas, xardíns infinitos, videofórum, xogos de mesa, animación á lectura, bailes e actividades interxeracionais.

Inscrición do 21 ao 25 de setembro

As persoas interesadas poderán solicitar praza entre o 21 e o 25 de setembro de 2026, tanto presencialmente nos centros de convivencia municipais, de 09:00 a 13:00 horas, como a través do rexistro electrónico do Concello de Lugo.

Cada persoa poderá presentar ata tres solicitudes por centro. Nos obradoiros psicofísicos poderá solicitarse unha actividade por centro e ata en tres centros diferentes, mentres que nas actividades destinadas a nenos e nenas non haberá límite de solicitudes.

Ata o 20 por cento das prazas reservarase para persoas con diversidade funcional e outros colectivos, segundo o criterio profesional dos servizos sociais municipais.

Se a demanda supera as prazas dispoñibles, a adxudicación realizarase mediante un sorteo informático público o 30 de setembro ás 11:00 horas. As listas provisionais publicaranse o 1 de outubro e as definitivas, o 21 de outubro.

A oferta combina actividades gratuítas con outras de cota reducida segundo a duración dos obradoiros. As persoas que obteñan praza nunha actividade de pagamento deberán realizar o primeiro ingreso entre o 1 e o 9 de outubro e presentar o xustificante como máximo o día 15.

0.16983795166016