Lugo ofrece unha sesión gratuíta para axudar ás familias na prevención das adiccións

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e Deportes, organiza este xoves 7 de agosto unha sesión formativa dirixida a nais, pais e á cidadanía en xeral centrada na prevención das adiccións e na promoción de hábitos saudables no ámbito familiar.
A actividade desenvolverase a partir das 17:00 horas no Centro Cívico Municipal Uxío Novoneyra, con acceso libre e gratuíto, dentro da programación de Ocio e Familias do programa municipal +XTi.
A sesión estará impartida por Brais Romanos, psicólogo especializado en saúde e prevención, que conta con formación en prevención de riscos laborais, recursos humanos e docencia no ámbito socioeducativo e sanitario. Ao longo da súa traxectoria participou en distintos programas de sensibilización e concienciación familiar en Galicia, especialmente relacionados coa prevención das adiccións.
Durante a charla abordaranse cuestións de interese para as familias, como o establecemento de normas e límites na educación, a detección de sinais vinculadas a hábitos de risco e diferentes pautas para afrontar situacións que poidan afectar ao benestar da infancia e da mocidade.
O concelleiro de Xuventude e Deportes, Damián Carballo, destacou a importancia deste tipo de iniciativas e sinalou que as familias desempeñan un papel fundamental na prevención. Neste sentido, indicou que é necesario facilitar información rigorosa, recursos prácticos e espazos nos que resolver dúbidas para acompañar aos fillos e fillas nas distintas etapas do seu desenvolvemento.
Carballo engadiu que a prevención é unha responsabilidade compartida e que o Concello continuará promovendo actividades orientadas a fortalecer o papel das familias e fomentar hábitos de vida saudables entre a mocidade.
O programa +XTi forma parte da estratexia municipal para previr as condutas adictivas e promover alternativas de lecer saudable, mediante a organización de actividades formativas, divulgativas e de sensibilización dirixidas á mocidade, ás familias e ao conxunto da cidadanía.