Lugo organiza ata novembro un ciclo de paseos guiados para descubrir as súas rutas naturais

O Concello de Lugo porá en marcha o vindeiro 8 de agosto o programa “Lugo: Sendas para a desconexión”, unha iniciativa que ofrecerá paseos guiados gratuítos por algunhas das rutas naturais máis representativas do municipio e que se desenvolverá ata finais do mes de novembro.
A proposta conta coa colaboración de Guido Guía, responsable da investigación, documentación e identificación da rede de rutas naturais de Lugo, quen acompañará ás persoas participantes para dar a coñecer os valores naturais, culturais e patrimoniais dos distintos percorridos.
Esta iniciativa enmárcase no proxecto das Rutas Naturais do Concello de Lugo, unha rede que naceu con 21 itinerarios e que recentemente foi ampliada ata alcanzar un total de 23. A sinalización das primeiras oito sendas supuxo, ademais, un paso importante na consolidación e oficialización desta oferta, facilitando que veciñanza e visitantes poidan percorrelas tanto de forma guiada como autónoma.
O obxectivo do programa é divulgar e poñer en valor o patrimonio natural, histórico, etnográfico e paisaxístico do municipio. Ao longo dos itinerarios, as persoas participantes poderán descubrir a orixe dos camiños, coñecer a biodiversidade existente nas distintas zonas e achegarse a elementos patrimoniais que adoitan pasar desapercibidos no día a día.
As rutas seleccionadas para este primeiro ciclo percorren algúns dos espazos máis emblemáticos de Lugo e combinan natureza, historia, patrimonio e paisaxe, ofrecendo unha forma diferente de coñecer o territorio e desfrutar do medio natural con calma.
A participación será gratuíta e non será necesario realizar inscrición previa. As persoas interesadas só terán que acudir ao punto de encontro establecido para cada percorrido á hora indicada.
O programa arrancará o sábado 8 de agosto coa ruta “O Pequeno Froilán”, que sairá ás 11.00 horas da Praza do Carme e terá unha duración aproximada de dúas horas. A partir de aí sucederanse novos paseos ao longo dos meses de agosto, setembro, outubro e novembro.
Calendario completo
8 de agosto – O Pequeno Froilán. Saída: Praza do Carme. 11.00 horas. Duración: 2 horas.
15 de agosto – Afonso O Casto. Saída: Praza do Camiño Primitivo. 11.00 horas. Duración: entre 2 e 3 horas.
22 de agosto – Ruta das Chousas. Saída: Aula de Natureza do Veral. 11.00 horas. Duración: 2 horas.
29 de agosto – O Vello Lugo Agrario. Saída: Santalla de Bóveda. 11.00 horas. Duración: 2 horas.
5 de setembro – Terras de Canteiras. Saída: Praza de Santo Domingo. 11.00 horas. Duración: entre 2 e 3 horas.
12 de setembro – Ribeiras Altas Miño Arriba. Saída: Ponte Romana. 11.00 horas. Duración: entre 2 e 3 horas.
26 de setembro – Vía Künig. Saída: Centro de Interpretación Terras do Miño. 11.00 horas. Duración: entre 2 e 3 horas.
3 de outubro – O Pequeno Froilán. Saída: Praza do Carme. 11.00 horas.
17 de outubro – Afonso O Casto. Saída: Praza do Camiño Primitivo. 11.00 horas.
24 de outubro – Ruta das Chousas. Saída: Aula de Natureza do Veral. 11.00 horas.
7 de novembro – O Vello Lugo Agrario. Saída: Santalla de Bóveda. 11.00 horas.
14 de novembro – Terras de Canteiras. Saída: Praza de Santo Domingo. 11.00 horas.
21 de novembro – Ribeiras Altas Miño Arriba. Saída: Ponte Romana. 11.00 horas.
28 de novembro – Vía Künig. Saída: Centro de Interpretación Terras do Miño. 11.00 horas.
Con este ciclo de actividades, o Concello de Lugo continúa impulsando a posta en valor do seu patrimonio natural e cultural e reforza a difusión dunha rede de 23 rutas que busca promover un modelo de lecer sostible, divulgativo e respectuoso coa contorna.