Lugo organiza unha excursión a Ferrol con motivo da botadura dunha nova fragata

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Política Social, organiza unha saída a Ferrol o vindeiro martes, 27 de outubro, coincidindo coa botadura da fragata "Roger de Lauria" (F112).
A actividade permitirá ás persoas participantes descubrir algúns dos principais atractivos da cidade, cun percorrido que incluirá o Museo Naval e outros espazos representativos do municipio.
A iniciativa enmárcase nos lazos de irmandamento que unen Lugo e Ferrol e que contribúen a estreitar as relacións institucionais entre ambas as localidades. A excursión busca facilitar que a veciñanza lucense coñeza de primeira man parte do patrimonio ferrolán e visite algúns dos seus puntos de interese.
O autobús partirá ás 10:00 horas desde a Praza da Bretaña. A participación será gratuíta e as inscricións deberán formalizarse no Centro de Convivencia Fingoi o luns 26 de outubro, entre as 9:00 e as 13:00 horas.
As prazas son limitadas e cubriranse ata completar o aforo dispoñible.