Lugo participará nos XVI Xogos do Eixo Atlántico cunha expedición formada por 116 deportistas e técnicos

GaliciaXa | LugoXa
A delegación lucense competirá en cinco disciplinas nun evento que reunirá máis de 2.300 participantes de Galicia e o norte de Portugal
participación-de-Lugo-en-Xogos-do-Eixo-Atlántico-26
2 Jul 2026

A cidade de Lugo estará representada por unha expedición integrada por 116 deportistas e membros do corpo técnico nos XVI Xogos do Eixo Atlántico, que se celebrarán entre os días 5 e 10 de xullo en Santiago de Compostela.

A representación lucense competirá nas cinco disciplinas oficiais da competición: baloncesto, balonmán, voleibol, atletismo e natación, cunha presenza equilibrada entre categorías masculinas e femininas.

Os XVI Xogos do Eixo Atlántico reunirán nesta edición a máis de 2.300 deportistas procedentes de 28 cidades de Galicia e do norte de Portugal, consolidándose como unha das principais citas do deporte base na Eurorrexión.

A competición tamén reforza a súa aposta pola igualdade e pola inclusión. Por primeira vez, todas as disciplinas contarán co mesmo número de categorías e prazas masculinas e femininas, ao tempo que se ampliará a presenza do deporte adaptado nas modalidades de atletismo e natación.

A cerimonia inaugural celebrarase o domingo 5 de xullo ás 18:30 horas na Praza do Obradoiro, mentres que as distintas competicións terán lugar entre os días 6 e 10 de xullo nas instalacións deportivas da capital galega.

A delegación lucense estará formada por 31 integrantes no baloncesto, entre xogadores, xogadoras e corpo técnico; 24 persoas no balonmán máis catro adestradores; 28 participantes en voleibol; 24 integrantes en atletismo entre deportistas e técnicos; e 13 persoas vinculadas á natación.

Antes do comezo da competición, a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu na Casa do Concello aos integrantes da delegación lucense para trasladarlles o apoio da cidade e desexarlles sorte nesta importante cita deportiva.

Durante o acto institucional, a rexedora destacou o esforzo, a dedicación e o compromiso dos mozos e mozas que representarán á cidade e lembrou que o deporte tamén constitúe unha escola de valores. Elena Candia asegurou que Lugo acompaña aos participantes con orgullo e subliñou que o importante non é só competir, senón representar á cidade a través de principios como o respecto, o compañeirismo, o esforzo e a capacidade de superación.

A alcaldesa tamén destacou que os integrantes da expedición xa constitúen un exemplo polo traballo realizado ao longo dos anos e pola dedicación que existe detrás de cada traxectoria deportiva. Ademais, puxo en valor o labor desenvolvido polos clubs da cidade na formación dos deportistas.

0.13279485702515