Lugo pecha o XXIV Circuíto Larsa Corre con Nós cun récord histórico de 2.600 participantes

O Concello de Lugo celebrará este sábado, 13 de xuño, a última cita do XXIV Circuíto Larsa Corre con Nós, que clausura a súa edición de 2026 cunha participación histórica. Ao longo das diferentes probas do circuíto rexistráronse un total de 2.600 persoas inscritas, a cifra máis alta alcanzada ata o momento. Para esta última carreira, que terá lugar na contorna do Parque de Frigsa, a organización estima a presenza de entre 800 e 900 corredores e corredoras.
Do mesmo xeito que aconteceu na edición anterior, a proba servirá tamén para render homenaxe ás Forzas Armadas e aos distintos corpos de seguridade. Na organización e desenvolvemento do evento participarán membros do Exército de Terra, do Exército do Aire e do Espazo, da Armada, da Policía Nacional, da Policía Autonómica, da Garda Civil, da Policía Local e do Servizo de Bombeiros de Lugo.
A xornada non se limitará unicamente á competición deportiva. O aparcadoiro do Auditorio Gustavo Freire, que nesta edición será o novo punto de saída e chegada das carreiras, acollerá unha exposición de vehículos e medios operativos dos diferentes corpos de seguridade e defensa. Esta iniciativa permitirá aos participantes e ao público coñecer máis de preto o traballo que realizan diariamente estes servizos na protección e atención á cidadanía.
O Circuíto Larsa Corre con Nós, impulsado pola Concellería de Deportes, continúa consolidándose como unha referencia do deporte popular en Galicia. Ademais de ser o único circuíto de carreiras populares completamente gratuíto da comunidade, acumula xa 24 anos ininterrompidos fomentando a práctica deportiva e os hábitos saudables. A iniciativa conta co patrocinio de Larsa e coa colaboración de Caixa Rural Galega, Coca-Cola e o Centro Comercial As Termas. O próximo ano celebrará o seu 25 aniversario.
As competicións darán comezo ás 19:00 horas coa categoría Mini, que percorrerá unha distancia de 250 metros. Cinco minutos máis tarde disputaranse as carreiras das categorías Sub10 e Sub12, cun percorrido de 850 metros. Ás 19:15 horas será a quenda das categorías Sub14 e Sub16, que completarán 1.700 metros. Finalmente, ás 19:30 horas arrancará a carreira de adultos, cun trazado de 4.750 metros. Nesta última proba participarán tamén membros das Forzas Armadas e dos corpos de seguridade, que contarán cunha clasificación específica e entrega de premios propia ao remate da competición.
Con motivo da celebración da carreira, a organización informa tamén de modificacións na circulación da Avenida Duquesa de Lugo, no tramo paralelo ao Parque de Frigsa, entre as 18:30 e as 20:30 horas. Durante ese período, a marxe dereita da vía en dirección ao polígono do Ceao quedará dividida mediante conos para permitir o tránsito de vehículos nos dous sentidos, mentres que a marxe esquerda permanecerá completamente pechada ao tráfico para garantir a seguridade dos participantes na carreira absoluta.
En canto á entrega dos premios correspondentes á clasificación xeral do circuíto de 2026, que inclúe as categorías de base, adultos, clasificación xeral, equipos, centros educativos e familias, a organización comunicará proximamente a data, o lugar e a hora do acto. As persoas galardoadas recibirán esta información de maneira individual a través do correo electrónico.