Rubén Arroxo lembra que a instalación da bandeira de Palestina foi adoptada por acordo do Pleno municipal

LugoXa
Lugo por Palestina convoca una concentración este sábado para reclamar a reposición da bandeira palestina no Vello Cárcere
bandeira-Palestina-BNG-Lugo
8 May 2026

O BNG de Lugo condenou que a primeira actuación do Partido Popular, poucas horas despois de entrar no goberno municipal a través dunha moción de censura que cualifica de “ilexítima e antidemocrática” e apoiada nunha tránsfuga, fose retirar a bandeira de Palestina do Vello Cárcere.

O portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, insistiu en que “o PP non levaba nin 5 horas na alcaldía de Lugo e a primeira medida foi arrincar un símbolo solidario e pola paz”. Lembrou que hai dous anos e medio se colocou unha bandeira palestina nun edificio de memoria histórica como expresión de solidariedade cun pobo que, segundo explicou, está a ser “arrasado”.

Arroxo sinalou ademais que a instalación da bandeira foi adoptada por acordo do Pleno municipal, nunha votación na que ningún grupo se posicionou en contra, o que reforza, ao seu xuízo, o seu carácter institucional e consensuado.

Para o BNG, a retirada deste símbolo evidencia que o novo goberno local “non vén a aportar nada por Lugo, senón a destruír e a impoñer a súa doutrina”, interpretando a decisión como un xesto político contrario ás iniciativas simbólicas vinculadas á defensa da paz e dos dereitos humanos.

En paralelo, a plataforma Lugo por Palestina convocou unha concentración este sábado, día 9, ás 12:00 horas diante do Vello Cárcere para reclamar a reposición inmediata da bandeira.

O colectivo lembra que a primeira acción do goberno de Elena Candia tras a moción de censura, apoiada polo voto dunha tránsfuga, foi retirar este símbolo, que considera representativo dun sentimento maioritario na cidade. Sinalan que a solidariedade coa causa palestina se mantén desde o inicio do conflito e que en Lugo se expresou tanto nas mobilizacións cidadás como no ámbito institucional.

Segundo esta plataforma, a cidade foi a primeira do Estado en aprobar unha moción de apoio ao pobo palestino, e ese respaldo teríase mantido de forma transversal entre diferentes sensibilidades políticas.

O colectivo sostén que a retirada da bandeira supón un acto contrario á vontade social de Lugo e unha falta de respecto ás vítimas do conflito, ao tempo que reclama que o símbolo sexa restituído no Vello Cárcere, espazo de memoria histórica que, ao seu xuízo, debe seguir albergando mensaxes de denuncia contra a violencia e a inxustiza.

0.3516891002655