Lugo por Palestina organiza unha charla sobre a Global Sumud Flotilla no Vello Cárcere

LugoXa
Alberte Pagán relatará o 14 de xullo a súa experiencia na misión marítima que tratou de levar axuda humanitaria á Franxa de Gaza
edificio-O-Vello-Cárcere-Lugo-portada
8 Jul 2026

A plataforma Lugo por Palestina organizará o vindeiro 14 de xullo unha charla no Vello Cárcere baixo o título 'Experiencias da Global Sumud Flotilla'. O encontro celebrarase ás 18.30 horas e contará coa participación de Alberte Pagán, que compartirá en primeira persoa a súa experiencia e as aprendizaxes obtidas durante esta iniciativa.

Desde a organización convidan á cidadanía a asistir ao acto e explican que Israel mantén desde a década dos 90 restricións á liberdade de movemento da poboación palestina da Franxa de Gaza, unhas limitacións que, segundo sinalan, se endureceron no ano 2007 coa imposición dun bloqueo marítimo e aéreo sobre este territorio.

A plataforma indica que, como resposta a esta situación, a sociedade civil impulsou ao longo dos anos diferentes flotillas co obxectivo de romper o bloqueo e denunciar as condicións nas que vive a poboación gazatí, á que cualifican como confinada nun cárcere ao descuberto e sometida a un xenocidio sistemático.

Segundo explican, estas misións marítimas buscan facer chegar axuda humanitaria á Franxa de Gaza e, ao mesmo tempo, reclamar ás organizacións internacionais e aos distintos estados que asuman a súa responsabilidade para poñer fin ao conflito e restituír os dereitos do pobo palestino.

No marco desta explicación, Lugo por Palestina lembra que o pasado 12 de abril máis de 70 embarcacións partiron con destino a Gaza transportando axuda humanitaria, principalmente material sanitario, coa intención de romper o bloqueo e achegar solidariedade e recursos básicos á poboación. A plataforma afirma que os barcos foron atacados en varias ocasións e asegura que membros das tripulacións foron interceptados en augas internacionais, trasladados a cárceres israelís e sometidos a torturas e outros malos tratos.

0.12355709075928