Preparan máis licenzas de taxi e novas axudas para os vehículos adaptados na cidade

O Concello de Lugo iniciará os trámites para ampliar o número de licenzas de taxi dispoñibles na cidade e, paralelamente, activará unha nova liña de axudas para favorecer o mantemento dos vehículos adaptados ao transporte de persoas con mobilidade reducida. As dúas medidas foron anunciadas pola alcaldesa, Elena Candia, no marco dos asuntos abordados pola Xunta de Goberno Local.
Lugo conta actualmente con 68 licenzas de taxi operativas. O Concello comezará agora a analizar a ampliación e prevé convocar a mesa de negociación coa Asociación de Taxistas para abordar a proposta e buscar un acordo sobre o incremento do número de autorizacións. A normativa municipal establece que corresponde ao Concello o outorgamento das licenzas de taxi, de acordo co procedemento previsto na lexislación vixente.
No ámbito da accesibilidade, a Xunta de Goberno Local tramitará unha convocatoria dotada con 9.000 euros para apoiar o mantemento dos taxis adaptados. Na actualidade existen tres vehículos deste tipo na cidade. As axudas poderán alcanzar os 3.000 euros por solicitude e destinaranse parcialmente a gastos como combustible, seguros e mantemento realizados ao longo de 2026.
As persoas beneficiarias deberán garantir a prestación do servizo adaptado durante toda a súa quenda, incluídas as noites, as fins de semana e os días festivos. A subvención poderá cubrir como máximo o 90 % do custo da actividade, mentres que o 10 % restante deberá ser asumido pola persoa beneficiaria. Tamén será posible solicitar un anticipo do 50 % sen necesidade de presentar garantía, e a xustificación deberá realizarse antes do 29 de xaneiro de 2027.
A Xunta de Goberno Local abordará ademais dous modificados de obras actualmente en execución. No Carril das Flores, o contrato de Construcciones Sanle Lugo ascenderá a 451.451,67 euros, IVE incluído, tras unha modificación de 112.206,23 euros motivada por condicións detectadas durante as demolicións. O prazo manterase ata o 10 de outubro de 2026.
Pola súa banda, a renovación integral da pista de atletismo do estadio Gregorio Pérez Rivera elevará o contrato a 549.341,50 euros, cun incremento de 66.011,07 euros. O proxecto incorpora melloras nos fosos de salto, na gaiola de lanzamentos, no foso da ría e no sistema de drenaxe, e ampliará unha semana o prazo, ata o 12 de outubro.
No apartado de persoal, avanzará o proceso para cubrir 17 prazas de bombeiro/a condutor/a correspondentes ás ofertas de emprego público de 2023, 2024 e 2025, mediante a designación do tribunal cualificador.
A Xunta de Goberno Local aprobará igualmente o expediente para contratar durante un ano o mantemento das caldeiras e sistemas de calefacción e climatización dos edificios municipais, cun orzamento de 109.790,56 euros e posibilidade de prórroga ata dous anos.
En materia tecnolóxica, adxudicarase a Telefónica Soluciones de Informática y Comunicaciones de España SAU a renovación das licenzas antivirus dos equipos municipais por 33.496,76 euros, incluíndo cinco anos de soporte.
Finalmente, o Concello convalidará unha obriga de 4.758,07 euros correspondente á súa achega ao transporte metropolitano de Galicia dos exercicios 2024 e 2025. Ademais, está prevista a convocatoria da comisión de seguimento para formular propostas destinadas a mellorar a conectividade do municipio.
DEBATE POLAS VÍAS DE MUXA
Entre os acordos tamén figura a adxudicación á empresa Ogalia Contratas SLU das obras de pavimentación e mellora das vías de Santa María de Muxa, por 139.634 euros e cun prazo de catro meses.
Este feito deu lugar a que a concelleira do BNG, Cristina López, afirmase que o Goberno local "confirmou que a única mellora que farán no rural será a das súas vivendas". López confirmou que, despois de aprobarse a contratación da renovación das pistas de Muxa, o goberno gastará "o 40 % do orzamento de asfaltados rurais nas proximidades da casa da concelleira".
O BNG considera esta como unha decisión "inxusta e difícil de xustificar". O goberno municipal confirmou a inversión de case a metade do orzamento propio adicado aos asfaltados da zona rural para actuacións que benefician directamente os accesos da vivenda da concelleira de Rural, "é moi curioso que a primeira actuación de asfaltados na zona rural que o Concello asumirá con fondos propios desde que o PP chegou, da man dunha concelleira tránsfuga, ao goberno local, sexa para mellorar xusto esta zona", dixo Cristina López.
O expediente 2026/C002/000014, que contempla a "pavimentación e mellora de viarios nas proximidades da N-640 en Santa María de Muxa e do camiño que comunica a igrexa con varias vivendas", foi adxudicado por 139.634 euros, un 39.9 % dos 350.000 euros de fondos propios previstos para actuacións de asfaltado no rural, unha cifra que o BNG considera "desproporcionada" tendo en conta as necesidades do municipio.
"Lugo conta con arredor de 900 quilómetros de pistas rurais, sendo un dos concellos do Estado con maior extensión de viario rural que require mantemento continuo", lembrou Cristina López, quen afirmou que "o PP non comprou á tránsfuga para mellorar a calidade de vida da veciñanza, só queren mellorar a súa".
O BNG critica a postura da concelleira de Rural, "quen nun primeiro momento percorreu as 54 parroquias do concello comprometéndose a mellorar o estado das pistas, pero que agora garde parte tan significativa do orzamento para unha única zona", dixo López, que engadiu "o PP ten que explicar como xustifica que case a metade dos fondos vaian destinados a accesos vinculados á súa contorna, deixando ao resto do rural con recursos claramente insuficientes".