O San Froilán contará cun dispositivo especial de seguridade con 12 cámaras e tres ambulancias

O dispositivo especial de seguridade do San Froilán 2026 contará con 12 cámaras de videovixilancia distribuídas por diferentes puntos de Lugo e un reforzo da asistencia sanitaria con ata tres ambulancias simultáneas nas xornadas de maior afluencia. O operativo, que se estenderá durante as festas patronais, do 4 ao 12 de outubro, foi analizado na Xunta Local de Seguridade, presidida pola alcaldesa, Elena Candia, e a subdelegada do Goberno, Olimpia López.
Na reunión, celebrada no Salón de Plenos do Concello, participaron representantes da Policía Nacional, Policía Autonómica, Policía Local, Garda Civil, Protección Civil, Bombeiros, Servizos de Emerxencias e AXEGA, ademais do concelleiro de Cultura, Javier Vázquez, e do comisario do San Froilán. O encontro serviu para concretar a planificación do operativo e reforzar a coordinación dos distintos servizos ante a importante afluencia de persoas prevista durante as celebracións.
Un dos aspectos prioritarios será garantir que as vías de evacuación do recinto feiral permanezan libres e que os espazos con grandes concentracións de público conten cos accesos necesarios, conforme ao Plan de Autoprotección. Como novidade, este ano realizouse unha avaliación específica dos riscos asociados a cada evento e concerto, co establecemento de medidas preventivas adaptadas ás características de cada actividade. O plan tamén contempla os riscos do recinto feiral desde a súa fase previa á apertura oficial e incorpora o Día do Neno, que terá lugar o 13 de outubro.
Videovixilancia e centros de control
O operativo disporá de 12 cámaras en localizacións estratéxicas para facilitar o control das afluencias e a detección de posibles incidencias. Na Praza Maior instalaranse dúas cámaras, unha na parte superior e outra na inferior, mentres que a Praza do Campo contará cun dispositivo con megafonía que poderá ser operado desde o centro de control.
Tamén haberá cámaras na Rúa Nova, fronte á Praza da Soidade; no paseo Vila de Foz, nas proximidades de Frei Plácido Rei Lemos; na explanada do Pavillón Municipal de Deportes, con dúas unidades; e no parque Rosalía de Castro. O dispositivo completarase con cámaras na avenida Alcalde Anxo López Pérez, no cruzamento coa Horta do Seminario; na Praza de Avilés, fronte á Audiencia; ao fondo da rúa García Portela e na parte superior do camión de mando. Algunhas destas unidades serán cámaras domo con infravermellos e, en determinados puntos, contarán tamén con megafonía integrada.
Os días 4, 5, 10, 11 e 12 de outubro, o control das cámaras centralizarase no camión principal da AXEGA, que funcionará como centro de mando. Durante o resto das xornadas, as tarefas desenvolveranse desde o Centro de Control Móbil da Policía Local, situado na avenida Alcalde Anxo López Pérez, xunto á Praza Horta do Seminario.
Atención a menores e reforzo sanitario
O dispositivo tamén habilitará un punto de encontro para menores e persoas desorientadas na Praza de Avilés, compartido coa caseta de lactación. Pola súa banda, a carpa de Protección Civil estará situada na praza da Horta do Seminario e encargarase de colocar pulseiras identificativas aos menores os días 3, 4, 5, 10, 11, 12 e 13 de outubro, coincidindo coas principais xornadas festivas e co Día do Neno. O Punto Violeta instalarase na rúa Fernando de Casas Novoa.
No ámbito sanitario, a principal novidade será a incorporación dunha terceira ambulancia para reforzar a cobertura dos eventos simultáneos que requiran unha maior atención. O dispositivo estará activo desde o mércores 30 de setembro ata o luns 12 de outubro, con ata tres ambulancias ao mesmo tempo nas zonas con maior concentración de público, como a Horta do Seminario, o casco histórico, a Praza de Avilés, Augas Férreas, o Agro do Rolo e San Fiz, especialmente durante as fins de semana e as xornadas centrais das festas.
A subdelegada do Goberno, Olimpia López, destacou a importancia da colaboración entre administracións e corpos de seguridade para garantir o desenvolvemento das celebracións con normalidade. Ademais, apelou á responsabilidade da cidadanía e das persoas visitantes para contribuír á seguridade durante o San Froilán.