Lugo prepara o seu primeiro Plan Municipal de Saúde Mental coa colaboración da USC

LugoXa
O Concello e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago destinarán 10.000 euros á elaboración dun diagnóstico sobre as necesidades e recursos existentes no municipio
reunión-Psicoloxía-Concello-de-Lugo
7 Oct 2026

O Concello de Lugo e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) traballarán conxuntamente na elaboración do primeiro Plan Municipal de Saúde Mental de Lugo, un documento que permitirá analizar as necesidades do municipio neste ámbito e definir as principais liñas de actuación para os próximos anos.

O acordo foi abordado nunha reunión mantida pola alcaldesa de Lugo, Elena Candia, co decano da Facultade de Psicoloxía, Arturo Xosé Pereiro Rozas, e co profesor titular e investigador da USC Xosé Antonio Gómez-Fraguela. O Concello destinará 10.000 euros ao desenvolvemento dos traballos.

A elaboración do plan responde a un compromiso que Candia xa incluía entre as súas propostas para Lugo nas eleccións municipais de 2023 e que posteriormente foi incorporado ás propostas formuladas nos orzamentos municipais. A súa posta en marcha forma parte tamén dos compromisos asumidos polo actual Goberno local.

O primeiro paso será realizar un diagnóstico sobre as necesidades de saúde mental da poboación e os recursos dispoñibles na cidade. A análise permitirá identificar necesidades, barreiras e prioridades e establecer unha planificación das posibles medidas que se poderían desenvolver desde o ámbito municipal.

Para elaborar este diagnóstico crearase un grupo de traballo no que estarán representadas as diferentes áreas municipais e os principais axentes relacionados coa saúde mental, entre eles recursos sanitarios, entidades sociais, profesionais, familias, centros educativos e recursos comunitarios.

O estudo prestará especial atención a ámbitos como a vulnerabilidade psicosocial, a infancia e a adolescencia, a exclusión social, a soidade non desexada, as persoas maiores, o trastorno mental grave e as necesidades das familias e das persoas coidadoras.

Unha vez rematada esta fase, elaborarase unha proposta do Plan Municipal de Saúde Mental de Lugo, que establecerá os seus eixes estratéxicos, obxectivos operativos e posibles medidas a desenvolver. O documento incluirá tamén un cronograma e un sistema de avaliación para facer seguimento das actuacións.

A iniciativa compleméntase co impulso doutros recursos de atención en saúde mental na cidade. Entre eles figura o proxecto para crear un centro de referencia de saúde mental no edificio actualmente en desuso de ASPNAIS, unha actuación que contará coa colaboración da Xunta de Galicia e que se atopa actualmente na fase de redacción do proxecto básico e de execución, así como do estudo de seguridade e saúde e do servizo de dirección de obras.

Deste xeito, o Concello de Lugo expón dúas liñas de actuación paralelas: por unha banda, a planificación das políticas municipais de saúde mental a partir dun diagnóstico das necesidades locais e, pola outra, o impulso de novos recursos de referencia para a atención neste ámbito.

0.3285219669342