Lugo prepárase para a cabalgata de Reis 2026 con mundos fantásticos e máis de 100 artistas

A Cabalgata de Reis de 2026 en Lugo sairá do parque da Milagrosa ás 18.00 horas, prevéndose a súa chegada á praza Maior arredor das 19:30. O percorrido manterase segundo a tradición: comezará no Parque da Milagrosa, continuará por Monte Faro e pola avenida da Coruña, entrando no recinto histórico pola Porta de San Fernando e seguindo polas rúas San Fernando e San Marcos, para chegar á praza de Santo Domingo e continuar pola rúa da Raíña, finalizando diante do Concello, onde os Magos de Oriente recibirán ás nenas e nenos que accedan ao edificio municipal.
O tenente alcalde, Rubén Arroxo, subliñou que a cabalgata de Reis é, xunto co San Froilán, un dos eventos que maior afluencia mobiliza anualmente, congregando entre 40 e 50 mil persoas segundo os datos municipais.
Maite Ferreiro destacou que "a cabalgata deste ano está dedicada aos mundos fantásticos e aos seres que os habitan", facendo referencia a universos da ficción literaria, cinematográfica, xogos de rol e tradición oral. Historias cheas de maxia, contos de fadas e criaturas míticas darán vida a este desfile único.
Os Magos Melchor, Gaspar e Baltasar contarán con catro carrozas, unha para cada un deles e outra destinada aos agasallos para todos os nenos e nenas de Lugo. As carrozas, ambientadas segundo a temática da cabalgata, levarán ás súas maxestades ao fondo do mar, aos ceos e máis aló dos límites coñecidos, acompañados de seres fantásticos e dun vello amigo da cidade en versión xigantesca que vixiará os agasallos.
Durante o desfile desenvolveranse 16 espectáculos con máis de 100 actrices, actores e músicos, e os paxes reais repartirán máis de 1.000 quilos de caramelos. No interior do Concello, os nenos recibirán un dos máis de 2.000 cornetes de lambetadas que incluirán tamén un pequeno xoguete ou recordo.
Atendendo ás preguntas dos medios, Rubén Arroxo e Maite Ferreiro confirmaron que unha das peticións na súa carta aos Magos de Oriente será instar á Xunta a rematar a rehabilitación do Barrio da Tinería. Arroxo explicou que "no ano no que se cumpriron 25 anos desde que a Muralla é Patrimonio da Humanidade, vemos como a Xunta segue mantendo este espazo nun estado cada vez máis ruinoso", mentres Ferreiro resaltou o potencial económico do barrio, "unha zona que podería ser referencial no casco histórico".