Presentan a publicación LugoPoética 2025 coa participación de trece autores lucenses

O salón de sesións da Casa do Concello de Lugo acolleu a presentación de LugoPoética 2025, unha publicación que reúne as conversas impulsadas pola UNED e o colectivo cultural Egeria con trece poetas das terras lucenses. O acto estivo presidido pola alcaldesa, Elena Candia, e contou tamén coa presenza do responsable da editorial Egeria, Xulio Xiz; do coordinador dos encontros, Xosé Carlos Ulloa; da directora da UNED de Lugo, Ana Traseira; e do secretario xeral da Lingua, Valentín García.
A publicación recolle as achegas poéticas de Mar Ferreiro, Lucía López Cancio, Gustavo Díaz, Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Ana Vila, Paco Ledo, Manuel Regal, Xosé Miguélez, Xoán Neira, Toño Núñez, Miguel Ángel Martínez Quintanar e Abraham Pérez.
Durante a presentación participaron varios dos autores incluídos nesta edición, entre eles o concelleiro Gustavo Díaz. Ademais, a poetisa Ana Vila Portomeñe, autora dun poema dedicado á cidade de Lugo, entregou á alcaldesa unha composición enmarcada como mostra de homenaxe e afecto á cidade.
Na súa intervención, Elena Candia ratificou o apoio do Concello a esta iniciativa e destacou que “a promoción da literatura e da poesía forman parte do compromiso institucional coa cultura e co talento do noso municipio”.
LugoPoética naceu co obxectivo de dar visibilidade á ampla tradición poética lucense e achegar ao público tanto voces consolidadas como novos autores que destacan pola súa creación literaria en galego. A publicación recompila o contido dos encontros desenvolvidos ao longo do ano, que son retransmitidos e arquivados a través das plataformas da UNED.
No acto tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira; e o presidente de Egeria, Xulio Xiz, entre outras persoas asistentes.
LugoPoética estruturouse en seis sesións, cada unha protagonizada por dous autores —agás unha delas, na que participaron tres— vinculados pola súa actividade profesional, afinidades ou relacións familiares. Entre os participantes houbo labregos, cregos, profesores e filósofos, que leron fragmentos das súas obras e compartiron experiencias e reflexións arredor da creación literaria.
A iniciativa comezou no ano 2024 coa finalidade de divulgar a riqueza e o potencial da creación poética na provincia. A edición deste ano xa está en marcha, comezou en febreiro e prolongarase ata xuño, cun programa de seis novos encontros protagonizados por outros doce autores lucenses. As charlas son abertas ao público e tamén se difunden a través de internet. .