Presentan a programación para o Entroido 2025 en Lugo, con 18 actividades para todos os públicos

LugoXa
Maite Ferreiro fixo un chamado á veciñanza para que participe nas actividades e destacou que "esta programación combina tradición, cultura e diversión"
Presentación-programa-Entroido-2025
7 Feb 2025

O Concello de Lugo deu a coñecer a súa ampla programación para o Entroido 2025, que incluirá un total de 18 actividades pensadas para todos os públicos.

A presentación tivo lugar de mans do tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e da concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, quen subliñou que o obxectivo principal é "seguir facendo do Entroido unha festa participativa e accesible para toda a veciñanza, mantendo as nosas tradicións vivas e introducindo novas propostas que xa demostraron ser un éxito nos anos anteriores"

A programación das festas dará comezo o 19 de febreiro cunha charla no Vello Cárcere, titulada 'O Enterro da Sardiña de Marín. Un enterro singular e único. Festa de interese turístico de Galicia', que será impartida por Celso Méndez Fraguas, presidente do Ateneo Santa Cecilia de Marín.

O Centrad de Lugo acollerá as Xornadas sobre o Entroido da Tradescola, que se iniciarán o venres 21 de febreiro cun faladoiro titulado 'O Entroido en Lugo: cidade e provincia - Faladoiro e memorias de entroidar', onde se fará un percorrido polas tradicións desta festa na provincia.

O sábado 22 de febreiro, Xabier Iglesias impartirá un obradoiro de 'Danzas de Entroido' e, á tarde, un obradoiro de tradición oral sobre composicións satíricas e a transgresión.

O xoves 27 de febreiro, o Mercado Municipal de Lugo acollerá o espectáculo 'Fíos do Querer' de Cé Orquesta Fantasma, que comezará ás 17.30 horas nun ambiente festivo e musical.

Mentres, o venres 28 de febreiro terá lugar o Pregón de Entroido ás 20.00 horas na Praza Maior, que nesta ocasión estará a cargo da recoñecida música Branca Villares. O evento contará con gradas para mellorar a visibilidade do público, unha pantalla xigante e unha carpa en caso de choiva. A festa continuará coa música en directo de Condensadores de Fluzo, e a partir das 21.30 horas, o recinto histórico vibrará cos sons da charanga Os Chafalleiros e da Batukada Escándalo de Sons.

ACTIVIDADES DE ENTROIDO EN MARZO

A III Festa da Filloa terá lugar o sábado 1 de marzo na rúa Quiroga Ballesteros, onde as actuacións musicais e a degustación de filloas animarán a xornada de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas. Ese mesmo día, ás 12.30 horas, a Praza Maior acollerá o espectáculo 'AUCHH!' de Abraham Arzate, que dará paso ao Desfile Infantil de Disfraces ás 17.00 horas, con animación musical de Tambukda e o espectáculo de malabares 'Malabarabilidades' de Fran Boza.

O domingo 2 de marzo, o Entroido 2025 terá tamén programación para os máis pequenos coa obra 'Consertasso na Horta' de Brais das Hortas, ás 12.30 horas na Praza Maior. Pola tarde, ás 18.00 horas, terá lugar a Gala de Circo Introitos, onde actuará un elenco de artistas baixo a presentación de Carmen Conde.

O luns 3 de marzo, o Bloco Meigallo percorrerá as rúas do centro histórico a partir das 21.30 horas, poñendo ritmo á festa.

O martes 4 de marzo será o día grande do Entroido, cun espectáculo na Praza Maior ás 12.30 horas, 'Lullaby' de Proyecto Kavauri, e o Desfile de Disfraces para adultos ás 17.00 horas, acompañado de música en directo de Tambukda.

O mércores 5 de marzo, Lugo despedirá o Entroido 2025 co tradicional Enterro da Sardiña e o 20º Concurso de Ferretes, que sairá ás 20.00 horas desde o Círculo das Artes, con colaboración dos Estoupacaldeiros e actuacións da Charanga CDV Band e o Orfeón Xoán Montes.

Maite Ferreiro fixo un chamado á veciñanza para que participe nas actividades e destacou que "esta programación combina tradición, cultura e diversión para facer do Entroido unha das festas máis destacadas do noso calendario local".

⚙ Configurar cookies
0.18532299995422