Lugo presenta o Plan de Actuación Integral para optar a 20 millóns de fondos europeos

O Concello de Lugo presentou o Plan de Actuación Integral (PAI) co que concorrerá á convocatoria de fondos europeos da Estratexia EDIL. A alcaldesa, Paula Alvarellos, anunciou que o proxecto, denominado Novo Norte, busca transformar os eixos nordés e noroeste da cidade cun investimento total de 20 millóns de euros.
Entre as principais actuacións previstas, destacan a rexeneración da Avenida da Coruña e a súa contorna, melloras na accesibilidade da nova estación Intermodal e unha serie de medidas de sostibilidade ambiental e social.
“Este proxecto ten como obxectivo transformar a principal arteria da zona norte nun gran bulevar verde con prioridade peonil, conectando co centro histórico e o resto da cidade”, explicou Alvarellos. Para iso, reordenarase o tráfico e os aparcadoiros, ampliando os espazos para peóns, creando novas zonas de lecer e incorporando elementos vexetais que melloren o entorno.
Así mesmo, construirase unha nova senda verde que conectará a Avenida da Coruña co barrio da Milagrosa, con itinerarios deseñados para priorizar a mobilidade peonil e inspirados nos “woonerf” holandeses.
O plan contempla a introdución de sensores de control de aparcamento, cámaras de identificación de matrículas, pasos peonís intelixentes e un sistema de detección de viandantes para mellorar a seguridade viaria. Tamén se instalarán estacións de alugueiro e recarga de bicicletas eléctricas, fomentando un transporte alternativo máis sostible.
Na mesma liña, prevese a implantación dun novo sistema de transporte colectivo, cun tren eléctrico de batería de litio con capacidade para 56 pasaxeiros, que mellorará a conexión da zona norte co resto da cidade. Ademais, sinalizarase un roteiro turístico para poñer en valor o patrimonio arquitectónico da área.
MÁIS INICIATIVAS
Na zona da Estación Intermodal, o Concello propón instalar un sistema mecanizado que mellore a accesibilidade entre a praza Conde Fontao e Miguel de Cervantes, contemplando opcións como escaleiras mecánicas, ramplas ou ascensores. Esta actuación suporá un investimento de 5,2 millóns de euros.
O PAI tamén inclúe un eixo social cun orzamento de 800.000 euros, destinado á ampliación do Centro Social da Milagrosa e á creación da iniciativa “Parroquia 55”, un espazo físico e virtual para reconectar con lucenses que emigraron, ofrecéndolles información sobre emprego e emprendemento. Este servizo situarase na futura Casa do Migrante, no barrio do Castiñeiro, para asesorar á poboación migrante na súa integración.
Ademais, o Goberno local prevé a rehabilitación do Parque da Milagrosa mediante un programa de emprego que facilitará a contratación de persoas desempregadas de colectivos vulnerables.
No ámbito medioambiental, o proxecto contempla a creación de zonas de confort climático, a modernización da rede de saneamento na zona norte para previr inundacións e a mellora do abastecemento de auga nos polígonos industriais. Tamén se instalarán placas fotovoltaicas nos depósitos municipais de auga, reducindo o consumo enerxético.
“Este plan permitiranos avanzar cara ao Novo Norte que queremos para Lugo, pero sobre todo acelerará a implantación de iniciativas clave para a cidade”, concluíu a alcaldesa, quen anunciou que informará aos colectivos veciñais sobre o proxecto.