Lugo pretende recuperar a Casa Torre

LugoXa
Coñecido tamén como Hospital de San Miguel, na entrada da Porta Miñá ou do Carme, é un proxecto clave para o centro histórico
concello-de-lugo-1
30 Sep 2024

O Executivo de Paula Alvarellos aprobará na Xunta do Goberno Local a licenza urbanística da Casa da Torre, o que supón o último paso para iniciar a rehabilitación do coñecido tamén como Hospital de San Miguel, na entrada da Porta Miñá ou do Carme. A alcaldesa amosou a súa satisfacción por “pechar toda a tramitación para que este inmoble, propiedade do ente galego, poida ser recuperado despois de anos de abandono”.

“Trátase dun proxecto clave para o centro histórico e a súa dinamización, estreitamente vinculado co noso modelo de cidade onde a rexeneración da Tinería gozou dun protagonismo estratéxico; así fixémosllo ver á Xunta de Galicia nos encontros previos nos que se abordou este asunto no que o Concello actuou sempre coa maior celeridade e dende a lealdade institucional o mesmo que agora lle solicitamos igual axilidade para materializar este proxecto”, afirmou Paula Alvarellos.

A rexedora fixo fincapé na disposición do Executivo local e dos técnicos municipais para traballar de maneira colaborativa co organismo autonómico “sempre coa determinación de acadar que Lugo prospere", ao tempo que lembrou o percorrido administrativo que foi preciso seguir para posibilitar a rexeneración do inmoble, para o que resultou necesario que a Xunta modificara en varias ocasións o proxecto de edificación co obxectivo de adecuarse ao PEPRI e respectar os elementos catalogados da construción, de tipoloxía medieval.

O proxecto será validado finalmente esta semana logo de agardar durante case un ano polas últimas subsanacións requiridas á Xunta en novembro de 2023. “Foi, sen dúbida, un expediente complexo que se alongou durante máis de tres anos pero que dende o Concello se tramitou de maneira prioritaria e con absoluta inmediatez pola importancia que ten para nós reverter o estado de ruína que presenta a Casa Torre e que afecta á imaxe que proxecta a Muralla”.

Precisamente, antes de rematar, Alvarellos Fondo puxo en valor “o gran traballo da área de Urbanismo que colaborou coa administración galega para avanzar da man na modificación do estudo de detalle e do proxecto de obra, atendendo á normativa e evitando así ter que iniciar un novo expediente que alongaría aínda máis o inicio dos traballos”, abondou.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18906307220459