Arroxo propón crear conexións de autobús entre o límite municipal de Lugo e Outeiro de Rei para facilitar o transporte

LugoXa | TerraChaXa
A iniciativa busca responder ás demandas veciñais e mellorar a mobilidade mediante un sistema de transbordo co bus urbano
Rubén-Arroxo-Xunta-de-Goberno-Local-Lugo-marzo
13 Apr 2026

O tenente de alcalde de Lugo e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, trasladou ao Concello de Outeiro de Rei unha proposta para habilitar novas conexións de autobús que melloren a mobilidade da veciñanza das súas urbanizacións.

A iniciativa enmárcase no proceso participativo aberto para definir as novas liñas de bus urbano en Lugo, no que se recolleron diversas achegas procedentes das urbanizacións de Outeiro de Rei solicitando a extensión do servizo ata estas zonas. Ante esta demanda, desde a área de Mobilidade formularon unha alternativa que permita dar resposta respectando os límites competenciais do servizo.

Segundo explicou Arroxo, a proposta consiste en habilitar unha liña de autobús desde as urbanizacións de Outeiro de Rei ata o límite co termo municipal de Lugo. Nese punto, a veciñanza podería realizar un transbordo co bus urbano da cidade mediante un sistema coordinado, facilitando así a conexión coa rede de transporte público.

O tenente de alcalde indicou que durante o proceso participativo se recibiron varias propostas nesta liña, polo que se decidiu trasladar ao Concello de Outeiro de Rei a posibilidade de establecer un servizo que conecte estas zonas coa fronteira municipal e permita, a través dun convenio, a integración co transporte urbano lucense.

Desde o Goberno local sinalan que o obxectivo desta medida é mellorar a accesibilidade ao transporte público, fomentar a mobilidade sostible e dar resposta ás necesidades reais da veciñanza, ao tempo que se impulsa a colaboración entre concellos limítrofes.

0.099095106124878