Lugo reabrirá unha cuarta aula na escola infantil Serra de Outes para eliminar a lista de espera

LugoXa
O novo espazo, destinado a nenos e nenas de 1 a 2 anos, contará con 12 prazas e está previsto que entre en funcionamento a principios de 2027
Escola infantil Serra de Outes Lugo
26 Nov 2026

O Concello de Lugo iniciou o procedemento para reabrir unha cuarta aula na Escola Infantil Municipal Serra de Outes, co obxectivo de atender a demanda existente nas escolas infantís municipais e eliminar a lista de espera. A Administración local contactou coas 16 familias que figuraban nela para comprobar se continuaban interesadas en obter unha praza. Dez delas confirmaron que manteñen a súa solicitude.

A nova unidade, destinada a menores de 1 a 2 anos, contará con 12 prazas e abrirá a principios de 2027. Para a súa posta en funcionamento recuperarase un dos catro espazos do centro que permanecía pechado desde a pandemia, que volverá contar cos medios humanos e materiais necesarios. Unha vez incorporados os dez menores previstos, quedarán tres prazas dispoñibles nesta franxa de idade.

Ademais, o Concello informou de que actualmente hai outras dúas prazas vacantes na aula de 2 a 3 anos da Escola Infantil María Wonenburger. As familias poden solicitar unha praza en calquera momento, sen agardar a unha nova convocatoria, mediante o modelo oficial 351. As solicitudes presentadas fóra do prazo ordinario incorporaranse a unha listaxe específica de agarda e ordenaranse segundo a puntuación obtida, seguindo os criterios establecidos nas bases reguladoras.

0.15661597251892