Lugo recupera a Mesa Local de Comercio tras cinco anos sen convocatorias

LugoXa
O órgano de participación analizará medidas de dinamización comercial, apoio á conciliación e iniciativas para reforzar o consumo de proximidade
Mesa-Comercio-Lugo
9 Jun 2026

O Concello de Lugo recupera a Mesa Local de Comercio, un órgano de participación que levaba preto de cinco anos sen ser convocado e que o actual Goberno municipal pretende recuperar como espazo estable de diálogo e colaboración co sector comercial da cidade.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, presidiu a reunión xunto coa concelleira de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, Cristina Sanz, xunto con representantes da Federación de Comercio, Lugo Monumental, a Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo, FACUA, os grupos municipais do PSOE e do BNG, así como o director xeral de Comercio e Consumo da Xunta, Gabriel Alén.

Durante a reunión, a rexedora destacou a importancia de reactivar este órgano para que as iniciativas municipais relacionadas co comercio se desenvolvan contando coa participación directa dos comerciantes, consumidores e entidades representativas do sector. Segundo sinalou, o obxectivo é converter a mesa nun foro útil para o diálogo, a colaboración e o traballo conxunto arredor das necesidades do comercio local.

Entre os asuntos abordados figuraron distintas propostas de dinamización económica e acordouse volver convocar a Mesa Local de Comercio durante o mes de xullo para celebrar unha sesión específica centrada na preparación da campaña de Nadal.

O Goberno municipal trasladou tamén a súa intención de impulsar unha campaña de bonos comercio destinada a incentivar as compras nos establecementos da cidade e contribuír ao fortalecemento da actividade económica local. Ademais, Elena Candia avanzou que o Concello estudará medidas de apoio á conciliación dirixidas a pequenos empresarios, autónomos e comerciantes, co fin de facilitar a compatibilidade entre a actividade profesional e a vida familiar.

Outro dos temas tratados foi o reforzo da protección e información ao consumidor lucense mediante a colaboración coas asociacións de defensa dos consumidores implantadas na cidade, promovendo accións de asesoramento, sensibilización e divulgación.

Durante o encontro tamén se expuxo a posibilidade de manter reunións cos concesionarios dos aparcadoiros públicos para analizar fórmulas que permitan ofrecer vantaxes ou descontos aos clientes que realicen compras no comercio de proximidade.

Pola súa banda, Gabriel Alén destacou a relevancia de recuperar un órgano de participación que, segundo lembrou, ten carácter preceptivo de acordo coa lexislación comercial vixente. O director xeral sinalou que estas mesas constitúen unha ferramenta esencial de coordinación entre as administracións e o sector, permitindo impulsar actuacións adaptadas ás necesidades específicas de cada territorio.

Neste contexto, puxo en valor o compromiso da Xunta co fortalecemento destes espazos de interlocución a través do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030 e lembrou a recente constitución da nova Mesa do Comercio de Galicia, creada como un foro permanente de diálogo para favorecer a competitividade e modernización do sector.

Coa recuperación da Mesa Local de Comercio, o Goberno municipal reafirma o seu compromiso co comercio de proximidade e coa participación dos distintos axentes implicados na definición das políticas de apoio ao tecido comercial lucense.

0.11804795265198