Lugo recupera a xornada dos maiores cun encontro para 600 persoas no Pazo de Feiras

O Concello de Lugo recuperará o vindeiro 1 de outubro a xornada dedicada ás persoas maiores, unha actividade que deixou de celebrarse nos últimos anos e que volve ao calendario municipal como unha proposta de encontro, convivencia e recoñecemento.
A xornada terá lugar ás 14.00 horas no Pazo de Feiras e Congresos e contará con 600 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. As persoas participantes poderán desfrutar de diferentes actividades gratuítas, música e un espazo de confraternización.
A programación incluirá tamén unha ruta guiada desde a Casa do Concello ata o Pazo de Feiras e Congresos para aquelas persoas que queiran realizar o percorrido acompañadas por un guía.
Coa recuperación desta iniciativa, o Concello pretende recuperar un espazo de encontro específico para as persoas maiores da cidade e poñer en valor a súa participación na vida social de Lugo.
Para participar na xornada será necesario retirar previamente a correspondente tarxeta de invitación. As persoas interesadas poderán facelo na Casa do Concello este sábado, de 10.00 a 13.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas, e o domingo, de 10.00 a 13.00 horas.
O luns e o martes, as tarxetas poderán retirarse de 9.00 a 14.00 horas tanto na Casa do Concello como no Centro Social de A Milagrosa.