Lugo recupera as seleccións galegas absolutas de fútbol sala con dous encontros históricos

LugoXa
Os combinados masculino e feminino volverán competir en Galicia tras 18 e 9 anos, respectivamente, con partidos fronte a Cataluña no Pazo dos Deportes
Lugo-futbol-seleccións-galegas-absolutas
29 Jun 2026

Lugo converterase esta semana no escenario do regreso das seleccións galegas absolutas de fútbol sala ás pistas galegas cunha dobre cita que terá lugar no Pazo Municipal dos Deportes. Os encontros, organizados polo Ribeira FS e pola Federación Galega de Fútbol Sala co apoio económico da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, reunirán os combinados masculino e feminino en dous partidos fronte á selección de Cataluña.

A presentación oficial dos encontros celebrouse no Pazo de San Marcos, onde se detallou que o combinado masculino disputará o seu partido o venres 3 de xullo ás 20:30 horas, mentres que a selección feminina xogará o sábado 4 de xullo ás 11:30 horas.

Durante o acto, o vicepresidente da Deputación de Lugo destacou a importancia de recuperar este tipo de competicións e sinalou que “é importante normalizar que as seleccións galegas compitan”. Ademais, valorou especialmente que os encontros sexan ante Cataluña, unha comunidade cunha ampla tradición e potencial no fútbol sala.

Efrén Castro tamén destacou a elección de Lugo para acoller estes partidos, asegurando que a cidade se converte no escenario ideal para este regreso das seleccións galegas ás pistas, un feito que cualificou como de gran relevancia histórica. Ademais, lembrou a forte tradición que o fútbol sala mantén na provincia, un deporte que, segundo indicou, continúa reforzándose mediante iniciativas como a Copa Deputación de Fútbol Sala e o apoio continuado aos clubs.

Pola súa banda, o vicepresidente do Ribeira FS, Javier Regueira, mostrou a satisfacción da entidade por formar parte da organización do evento e subliñou que a celebración destes encontros tamén serve para poñer en valor o crecemento que está experimentando o fútbol sala na cidade e na provincia, tanto no incremento de licenzas como na evolución xeral deste deporte.

O presidente do Comité Galego de Fútbol Sala, Julio Mougán, incidiu no carácter especial desta cita deportiva e lembrou que a selección galega absoluta masculina non disputaba partidos en Galicia desde o ano 2008, cando xogou en Ferrol, mentres que a feminina non o facía desde 2017, nun encontro celebrado en Compostela.

Mougán destacou ademais o nivel competitivo dos dous equipos e animou á afección a acudir ao Pazo dos Deportes para presenciar unha cita que considera un símbolo da identidade das seleccións galegas absolutas.

0.12264204025269