Lugo reforza a mobilidade no rural cun servizo de transporte a demanda

O Concello de Lugo presentou o plan de transporte rural a demanda, unha iniciativa da área de Mobilidade concibida como unha resposta práctica ás necesidades de desprazamento da veciñanza do rural lucense. Trátase dun servizo pensado para garantir o acceso ao transporte público en zonas onde o bus urbano non resulta viable, mantendo condicións equiparables ás das liñas regulares en canto a horarios, paradas e prezo.

A presentación contou coa participación do tenente alcalde e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, quen sostivo que este é "un servizo pioneiro que converterá a Lugo na segunda cidade galega en contar con transporte público nas zonas nas que non pode chegar o transporte urbano ou metropolitano".
Segundo explicou Arroxo, o transporte rural a demanda funciona “como un bus”, xa que, aínda que o vehículo sexa un taxi, conta con paradas predeterminadas, horarios fixos e un itinerario concreto. “Non é un servizo á carta”, precisou, subliñando que a veciñanza non pode baixar onde queira, senón nas paradas establecidas, do mesmo xeito que ocorre co transporte urbano.
Na súa fase inicial, o servizo cubrirá os núcleos de Vilachá, Labio, O Pondelo e As Regas, con catro frecuencias diarias, dúas pola mañá e dúas pola tarde, chegando ata Sindicatos (8:35, 12:35, 16:25 e 20:55) e ata o HULA (8:25, 12:35, 16:15 e 20:45). O custo por traxecto será de 0,64 euros, o mesmo importe que unha viaxe en bus urbano, o que converte esta opción nunha alternativa accesible e asumible para a poboación do rural.
Rubén Arroxo destacou que a proba piloto funcionará durante os vindeiros meses e permitirá "coñecer as necesidades e o uso que a veciñanza faga deste servizo, para poder seguir a planificar a posta en marcha do transporte a demanda en máis parroquias". Ademais, destacou que o proceso incluíu diversas xuntanzas coas asociacións veciñais e cos colectivos de taxistas "como paso previo á posta en marcha da proba nestes catro núcleos". O plan piloto do transporte municipal a demanda no rural conta cun orzamento de 15.000 euros, e manterase en funcionamento ata que se esgote o orzamento.
A elección desta primeira ruta responde á demanda existente nas parroquias incluídas, aínda que desde o Concello xa se avanza que a intención é ir estendendo progresivamente o servizo a máis zonas. “É unha fórmula eficiente que garante mobilidade, igualdade de acceso aos servizos e fixación de poboación no rural”, concluíu o responsable municipal, incidindo en que se trata dun servizo especialmente beneficioso para as persoas maiores e para quen precisa desprazarse a centros sanitarios ou administrativos.

A boa acollida desta proba piloto quedou reflectida xa nas primeiras impresións da veciñanza usuaria. Unha das primeiras persoas en empregar o servizo, Carmen, salientou que “é o mellor que nos podía pasar, porque dá unha liberdade enorme ao non ter que usar o coche propio”, ao tempo que amosou o seu desexo de que a iniciativa teña continuidade. Ademais, puxo en valor a conexión directa co Hospital Universitario Lucus Augusti, subliñando que “o HULA é moi necesario, porque cando estás enfermo ir andando é imposible”, e destacou tamén a utilidade das catro frecuencias diarias, que “nos veñen moi ben” para organizar os desprazamentos con maior comodidade e seguridade.
Durante outra das paradas en As Regas, Rubén Arroxo salientou o carácter pioneiro desta iniciativa, lembrando que “ata o de agora só o Concello de Pontevedra contaba cun servizo semellante, e agora tamén Lugo, adaptado ás peculiaridades do rural lucense”. O tenente alcalde recoñeceu que “os primeiros meses van supoñer moitos retos” e asumiu que “seguro que aparecerán fallos que haberá que ir corrixindo sobre a marcha”, motivo polo que o contrato, cun importe de 15.000 euros, se concibe como unha proba piloto sen precedentes.
Durante a visita, unha veciña de As Regas, Ángeles, achegouse ao responsable municipal para trasladarlle que “practicamente toda a veciñanza da zona ten previsto utilizalo”, ao considerar que “compensa incluso tendo coche propio”.
As persoas usuarias deberán solicitar o servizo chamando ao teléfono 982 213 377 antes das 22.00 horas do día anterior, de xeito que só se realicen as viaxes cando exista demanda real. Arroxo destacou que este modelo permite ampliar a cobertura do transporte público sen asumir os elevados custos que suporía estender o bus urbano ás 54 parroquias do rural de Lugo.