Lugo reforza a súa proxección turística no Caudal Fest cunha campaña presente en todos os soportes do evento

O Concello de Lugo intensificará a presenza da campaña turística e de marca de cidade 'Lugo, parte do teu camiño' no Caudal Fest 2025, un dos encontros musicais máis destacados de Galicia, que terá lugar os días 19 e 20 de setembro nos xardíns do Pazo de Feiras e Congresos.
O lema da campaña estará visible nos principais soportes do festival, tanto físicos como dixitais: desde a cartelería oficial e as entradas, ata as redes sociais, vídeos promocionais, pantallas do recinto e zonas de sinalización do evento. Trátase dunha acción estratéxica coa que o goberno local busca potenciar Lugo como destino turístico, cultural e patrimonial.
O alcalde, Miguel Fernández, salientou que “o Caudal Fest é unha oportunidade única para proxectar Lugo a través da cultura e o lecer, vinculando a cidade a un evento que atrae cada ano a máis de 30.000 persoas e que ten un impacto económico e social de primeiro nivel”.
Fernández destacou tamén que esta iniciativa se inscribe dentro da estratexia global de promoción iniciada en FITUR coa campaña “Lugo, parte do teu camiño”, que pretende divulgar o valor único da cidade como destino permanente de peregrinación, grazas á Indulxencia Plenaria da Catedral. “Lugo é cidade Patrimonio da Humanidade, é Reserva da Biosfera, é historia, gastronomía, música e cultura contemporánea. Todo iso encaixa perfectamente co espírito do Caudal Fest”, afirmou.
O festival deste ano presenta un cartel de primeiro nivel, con actuacións de artistas como Love of Lesbian, Melendi, Carolina Durante, Zahara, Duncan Dhu ou Vega, xunto a propostas da escena galega como Músculo!, Kike Varela ou Lisdexia. “Este modelo de festival aberto e diverso está en sintonía coa nosa visión de cidade: un Lugo plural, moderno, que aposta polo talento e pola cultura accesible para todas as xeracións”, sinalou o rexedor.
Ademais da súa dimensión cultural, o alcalde puxo en valor o papel do Caudal Fest como motor turístico e económico: “Os hoteis énchense ao cento por cento, dinamízase a hostalería e Lugo convértese durante uns días nun foco de atracción cultural. Pero queremos que iso sexa tamén unha porta de entrada para descubrir a cidade durante todo o ano”.
Finalmente, Miguel Fernández concluíu asegurando que o Concello seguirá traballando para asociar Lugo aos grandes eventos e reforzar a súa imaxe como destino atractivo: “Temos claro que o futuro da cidade pasa por apostar pola cultura e polo turismo de calidade. Esta campaña é unha ferramenta clave para facer de Lugo unha cidade viva, acolledora e chea de oportunidades. Porque, como di o noso lema, Lugo é parte do camiño de cada persoa que nos visita”.