Lugo reforza o dispositivo de limpeza viaria e o servizo de autobús durante o San Froilán

LugoXa
O dispositivo especial contará con 16 persoas máis e vehículos eléctricos para atender as zonas de maior afluencia, mentres que varias liñas de autobús ampliarán os seus horarios ata a madrugada.
Limpeza-operarios-Concello-de-Lugo
30 Sep 2026

O Concello de Lugo reforzará o dispositivo de limpeza viaria e o servizo de autobbús durante as festas do San Froilán, que se celebrarán do 3 ao 12 de outubro, co obxectivo de atender o incremento de visitantes e facilitar os desprazamentos pola cidade durante as xornadas festivas.

No caso do transporte público, o dispositivo especial estará operativo os días 3, 4, 5, 9, 10, 11 e 12 de outubro, con ampliación dos horarios de varias liñas para facilitar os desprazamentos ao remate dos concertos e das demais actividades. As liñas 1.2, 1.4, 9/12 e 10/13 prolongarán os seus percorridos ata aproximadamente as 3:00 horas da madrugada, aínda que os horarios variarán en función de cada servizo.

A liña 1.2, que conecta o Campus da USC co Ceao e o HULA, ampliará o seu percorrido desde as 22:37 ata as 3:07 horas, con final nos Sindicatos. Durante ese horario quedará suprimido o traxecto ata o HULA e, desde a avenida Benigno Rivera, continuará pola avenida Infanta Elena e a avenida Paulo Favio Máximo, seguindo o itinerario habitual. Ademais, eliminarase a parada da praza de Bretaña e habilitarase unha provisional na rúa Celso Emilio Ferreiro, na esquina coa avenida de Ramón Ferreiro.

Pola súa banda, a liña 1.4, tamén entre o Campus da USC, o Ceao e o HULA, prolongará o servizo desde as 22:42 ata as 3:12 horas, con saída e chegada en Obras Públicas. O percorrido polo Ceao quedará suprimido e a liña dará a volta na rotonda das Termas, na avenida Infanta Elena, para continuar polo itinerario habitual. O servizo finalizará nas Termas e a parada da praza de Bretaña trasladarase provisionalmente á rúa Celso Emilio Ferreiro, na esquina coa avenida de Ramón Ferreiro.

A liña 9/12, que conecta o casco histórico, a zona de Abella e o polígono das Gándaras, prolongará o seu percorrido desde as 22:15 ata as 3:15 horas, con final na rúa Bolaño Rivadeneira. A liña 10/13, que enlaza a ronda da Muralla, As Gándaras, Ramón Ferreiro e o cemiterio, ampliará o horario desde as 22:30 ata as 3:00 horas, con final no cemiterio. Neste último caso, a parada da avenida de Ramón Ferreiro situada fronte ao Instituto Femenino trasladarase provisionalmente ao número 14 da mesma vía.

Os días 5 e 12 de outubro, coincidindo coas xornadas festivas, o servizo destas liñas rematará á 1:00 horas do día seguinte. Ademais, os cortes de tráfico previstos durante as celebracións obrigarán a modificar os itinerarios dalgunhas liñas. Os desvíos realizaranse pola rúa Santiago e a ronda da República Arxentina cando se corte a circulación na ronda da Muralla, á altura da Porta de Santiago, mentres que as restricións na avenida de Ramón Ferreiro, á altura do Gadis, implicarán o paso pola rúa Celso Emilio Ferreiro. Tamén se habilitarán paradas provisionais na avenida de Ramón Ferreiro, 14; na rúa Celso Emilio Ferreiro, na esquina coa avenida de Ramón Ferreiro, e na ronda da República Arxentina, na esquina coa rúa Santiago.

O Concello anima a veciñanza a utilizar o transporte público durante o San Froilán, especialmente nas xornadas nas que a circulación se vexa condicionada polos cortes de tráfico.

Un dispositivo especial con 16 persoas de reforzo

A limpeza viaria contará cun dispositivo específico durante todas as festas, con especial atención aos días 3, 4, 5, 10, 11 e 12 de outubro, cando se prevé unha maior afluencia de público. O operativo estará integrado por tres varredoras de calzadas que funcionan con gas natural comprimido (GNC), cinco varredoras de beirarrúas totalmente eléctricas, tres camións cisterna para o rego e baldeo mixto con GNC, dous camións tipo satélite para a recollida de residuos nas zonas de celebración e nos espazos de botellón, dúas hidrolimpiadoras eléctricas e 16 persoas de reforzo.

O dispositivo incluirá tamén equipos específicos para atender os espazos con maior actividade. Un furgón eléctrico con dúas peoas equipadas con sopladoras eléctricas encargaranse da limpeza da zona centro e dos espazos nos que se desenvolverán concertos e actuacións, como a praza da Mosqueira e as prazas do Campo Castelo, Maior, Santa María e Horta do Seminario. Este equipo tamén prestará servizo na carpa do Seminario, onde se celebrará o San Froilán Miúdo.

Outro equipo, formado por un furgón eléctrico e tres operarios con sopladoras e outras ferramentas, estará destinado á limpeza das zonas de botellón próximas ao recinto feiral, así como do propio feiral, o espazo das pulpeiras e as costas e rúas próximas ao parque no que se instalarán as barracas.

A estes efectivos sumarase un grupo de cinco peóns e peoas que reforzarán o varrido manual nos puntos con maior movemento de persoas. Para os desprazamentos entre as diferentes zonas de traballo poderán utilizar triciclos e vehículos eléctricos auxiliares.

Máis medios para a recollida de residuos

A recollida de lixo tamén contará cun operativo reforzado, integrado por dous camións colectores de carga traseira. Un deles, cun condutor e dous peóns, adiantará o comezo da súa xornada ás 6:00 horas para atender a zona centro, os lugares onde se celebren concertos e actuacións e os establecementos hostaleiros que amplíen os seus horarios.

O segundo vehículo, cun condutor e un peón, encargarase da recollida da fracción orgánica das casetas. Pola tarde, dúas operarias con triciclos eléctricos reforzarán a limpeza da zona das casetas e das barracas, especialmente para garantir o baleirado continuo das papeleiras, ademais do servizo ordinario de repaso da zona centro.

Tamén se incrementará o número de colectores de "quita e pon" na zona centro, que permanecerán instalados desde o 3 ata o 12 de outubro para facilitar a eliminación dos residuos durante as celebracións. O dispositivo estenderase igualmente aos eventos deportivos, exposicións e demais actividades incluídas na programación festiva.

Equipamentos eléctricos para reducir o ruído

O operativo de limpeza incorporará diferentes ferramentas e vehículos eléctricos, como desbrozadoras de man, sopladoras, triciclos e vehículos auxiliares, que facilitarán os desprazamentos entre os puntos de traballo e a recollida dos residuos. O Concello destaca que o emprego destes medios permitirá reducir os niveis de ruído durante as tarefas de limpeza, tanto para a veciñanza como para os visitantes.

Os equipos tamén cubrirán os percorridos dos pasarrúas e as diferentes actividades que se desenvolverán nos barrios, incluídos concertos, verbenas e exposicións. Entre as zonas nas que se prestará atención figuran A Milagrosa, Recátelo, Sagrado Corazón, As Gándaras, o Barrio da Ponte, a avenida da Coruña, A Piringalla, Albeiros, Augas Férreas e a praza da Mosqueira, entre outras.

Para coordinar todos os traballos, a empresa contará durante as festas coa presenza permanente dos seus mandos intermedios, integrados por unha encargada xeral e catro capataces, distribuídos nas quendas de mañá, tarde e noite. Esta organización permitirá atender as posibles incidencias e responder ás necesidades que xurdan ao longo das celebracións.

0.15459394454956